Sanitarios e residentes poderán adestrarse nas últimas técnicas laparoscópicas e de 3D en Tecnópole

Un acordo entre o Sergas, a Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Parque Tecnolóxico de Galicia permitirá a sanitarios en exercicio e a residentes formarse nas últimas tecnoloxías de cirurxía minimamente invasiva. Será no Centro de Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas (Tecmeva), no parque Tecnópole, de Ourense, que cederá equipamentos e instalacións ao persoal do Sergas, e de cuxo mantemento se encargará a ACIS.

O acordo -que inclúe unha partida de 30.000 euros en dous anos para a realización conxunta de actividades- ten como obxectivo optimizar o proceso de formación dos profesionais, tanto os sanitarios en exercicio como os residentes, a quen poida interesar practicar estas intervencións. O centro Tecmeva destaca sobre todo polos seus sistemas de simulación médica, que permiten aprender de forma práctica antes de afrontar unha intervención real. Isto repercutirá directamente nunha mellora da calidade asistencial do propio Sergas.

Pero non só iso, o convenio entre o servizo de saúde e Tecmeva permitirá atender a crecente demanda de instalacións especializadas para a investigación traslacional, é dicir, aquela que leva á práctica clínica as conclusións dos traballos teóricos. Un exemplo disto son os avances no ámbito da cirurxía laparoscópica ou en 3D.

O convenio contempla a organización e realización de cursos experimentais en técnicas cirúrxicas, microcirúrxicas, laparoscópicas e anestésicas, así como a mellora na aplicación de protocolos cirúrxicos específicos sobre modelo animal e cadáveres humanos.

Fonte: La Voz de Galicia