San Cibrao pon en marcha un proxecto piloto de vehículos compartidos nos polígonos

O Concello de San Cibrao das Viñas impulsa un proxecto piloto nos polígonos do municipio co obxectivo de apostar por unha mobilidade sustentable. Trátase do carsharing, ou coche compartido, que estará a disposición dos veciños e dos traballadores. O Concello destinará varias zonas de aparcadoiro exclusivo a este tipo de transporte, sendo pioneiros en Galicia en dispor de prazas de específicas para estes vehículos. Os tres coches de Mobify estarán sempre dispoñibles a través da súa aplicación móbil e pódense usar para trasladarse entre os parques empresariais, a capital ourensá e ás outras tres provincias galegas.

«Os obxectivos que se buscan desde o Concello son reducir o impacto ambiental e promover novos servizos no municipio. Mediante esta iniciativa poderase facer uso de tres vehículos híbridos que permanecerán en diferentes puntos do municipio e dos polígonos industriais de San Cibrao e Barreiros e do Parque Tecnolóxico de Galicia e que poderán reservarse a través dun sinxelo trámite na aplicación de Mobify», sinalou a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa.

O CEO da empresa de alugueiro de coches, José Manuel Martínez, afirma que “é un orgullo poder facer realidade este proxecto que dará servizo a máis de 25.000 veciños, traballadores, visitantes e empresarios. Iniciativas como esta, habilitando zonas de aparcadoiro para vehículos compartidos, son as que fan que municipios como este se convertan en cidades modelo, modernas e ecoloxicamente sustentables».

O proceso de alugueiro dos coches é moi sinxelo. A través da aplicación pódese reservar un vehículo en menos de 30 segundos, abrilo e pechalo co mesmo dispositivo e comezar a conducir. Non é necesario realizar ningún trámite nin ter chaves.

Fonte: La Voz de Galicia