“En Samsung, cremos firmemente que a tecnoloxía pode e debe mellorar a vida de todas as persoas. A iniciativa #TecnologíaConPropósito recolle o noso firme propósito de apoiar aqueles proxectos que rompan barreiras e aproveiten todo o potencial da tecnoloxía para atender prioridades sociais. Co reto que lanzamos agora aos desenvolvedores españois, queremos apoiar o talento local para seguir construíndo entre todos un mundo mellor”, declara Alfonso Fernández, director de Mercadotecnia Corporativa de Samsung España.
A compañía busca “explorar as posibilidades da tecnoloxía para resolver necesidades concretas de determinados colectivos sociais e axudar así a derrubar barreiras”. Algúns dos exemplos que se enmarcan nesta iniciativa foron ‘Blind Cap’, o primeiro gorro de natación con sensores e un sistema de vibración que alerta os nadadores cegos para dar a volta ou parar no momento preciso; e ‘Dytective for Samsung’, unha aplicación que combina intelixencia artificial con xogos lingüísticos para a detección do risco de dislexia en fases temperás.
Outro dos proxectos recentes que segue o ronsel de #TecnologíaConPropósito foi a acción ‘Materia Empatía’, desenvolvida conxuntamente co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que aproveita a experiencia inmersiva da realidade virtual para combater o acoso escolar e lograr un maior grao de concienciación e empatía nas aulas.
Seguindo esta filosofía, a compañía convoca agora aos desenvolvedores para que presenten proxectos -apps ou desenvolvementos tecnolóxicos- que teñan tamén un propósito social. Entre outros temas, os desenvolvedores poden idear posibles solucións, a través da tecnoloxía, a problemas como o envellecemento da poboación, o control de enfermidades crónicas ou a utilización da xeolocalización para axudar en situacións de risco na natureza, entre outros. Un xurado formado por Samsung valorará a orixinalidade, innovación, atractivo e viabilidade dos proxectos presentados.
Ata o 16 de xuño
A idea do proxecto ten que estar desenvolvida ou atoparse en fase de xestación avanzada, xa que o proxecto deberá completarse antes do 31 de decembro de 2017. O proxecto presentado deberá poder utilizarse de forma universal e gratuíta; debe ser unha app ou desenvolvemento tecnolóxico que implique a Samsung dalgunha forma e debe utilizar, preferiblemente, o ecosistema Samsung e os seus dispositivos (Smart TV, wearables, móbiles, tablets, etc.) ou a converxencia entre todos eles.
Os desenvolvedores interesados deberán darse de alta en Samsung Dev Spain e encher o formulario de inscrición, cunha memoria/informe que explique detidamente en que consiste o proxecto e que necesita, o calendario de implementación e os dispositivos nos que funcionaría. O prazo de presentación de proxectos pecharase o 16 de xuño. O resultado da convocatoria publicarase antes do 30 de setembro. As bases legais completas pódense consultar neste enlace.
(Fonte: EP)