Samsung e LaLiga buscan unha solución que mellore a experiencia fan

Samsung España e LaLiga abriron o prazo de inscrición ao primeiro concurso dirixido ao desenvolvemento de solucións destinadas a “transformar a experiencia dos seguidores da liga de fútbol española”. Este ‘Challenge LaLiga by Samsung‘, dirixido á comunidade de desenvolvedores, premiará a solución máis innovadora que permita mellorar a experiencia fan a través da tecnoloxía e o ecosistema Samsung, incentivando o talento.

Pechado o prazo de inscrición (o 31 de decembro), un xurado de expertos formado por representantes de LaLiga, Samsung e profesionais do sector, elixirán o proxecto gañador atendendo ás súas características tecnolóxicas, innovadoras e de tendencia. Para poder desenvolver as propostas, ambas as dúas institucións porán a disposición dos participantes toda a información relativa aos produtos e ferramentas que poderán utilizar para presentar as súas solucións. Así, o gañador, que se dará a coñecer durante o mes de maio do próximo ano, beneficiarase dun premio de ata 100.000 € para desenvolver os seus proxectos, así como unha campaña de comunicación e promoción nas plataformas e medios propios de Samsung España e LaLiga.

“Estamos moi ilusionados de colaborar xunto a LaLiga no financiamento dun proxecto pioneiro que permita aos usuarios gozar ao máximo dos partidos de fútbol grazas á nosa tecnoloxía”, declarou Celestino García, vicepresidente corporativo de Samsung. “Trátase dunha grande oportunidade para seguir incentivando o talento local da comunidade de desenvolvedores de Samsung España a través da innovación”.

Por outro lado, o presidente de LaLiga, Javier Tebas, asegurou que “un dos nosos obxectivos é achegarnos o máis posible aos afeccionados a través da tecnoloxía e a innovación. Este Challenge xunto a Samsung vainos permitir dar a oportunidade aos desenvolvedores de idear solucións que melloren a experiencia dos nosos seguidores en todo o mundo”.

(Fonte: Innovaspain)