Sae ao mercado o primeiro proxecto da Preincubadora de Tecnópole e a Universidade de Vigo

O pasado mes de xuño presentáronse os tres primeiros proxectos que gañaron un niño no estreo da Preincubadora promovida por Tecnópole e a Universidade de Vigo. En setembro os seus promotores comezaron a instalarse nos seus espazos no Parque Tecnolóxico de Galicia e agora é o momento de empezar a dar os seus primeiro froitos. Os máis madrugadores en lanzarse ao mercado son os emprendedores Sandra González e Diego Mazaira, que veñen de pór en marcha xa parte do seu proxecto baixo o nome de Monemú, unha web que ofrece “lugares de conto” para vivir experiencias únicas de viaxes de fin de semana a prezos asequibles.

n
n

n“Instalámonos na preincubadora para pór en marcha o proxecto Tuofertalocal, unha plataforma web pensada para aglutinar a oferta de todo tipo de establecementos comerciais dunha mesma localidade. Unha vez comezamos con ela démonos conta de que o apartado de promocións de fin de semana xa o tiñamos moi avanzado e decidimos poñelo xa en marcha baixo o nome de Monemú e dándolle entidade propia. Mentres comercializamos este produto vamos avanzando paulatinamente en Tuofertalocal”, explica o egresado en Enxeñaría Técnica Industrial da Universidade de Vigo Diego Mazaira.
n
nMonemú, comenta Sandra González, naceu coa idea de ofrecer aos usuarios “experiencias únicas e bos momentos, rachando coa oferta clásica ao engadir un plus de calidade e orixinalidade ás escapadas de fin de semana, como pode ser un curso de cociña, unha actividade deportiva ou unha excursión”. Deste xeito, apunta, na web do proxecto as persoas interesadas xa poden mercar paquetes de viaxes de fin de semana para parellas, para familias e durante estes meses, escapadas especiais de “gastrotoño”, que propón ideas para un outono diferente. “Os nosos produtos son exclusivos e de calidade, non se atopan en ningún outro sitio web. Visitamos todas as casas rurais que incluímos, falamos cos seus propietarios e vimos que podíamos ofrecer a maiores de durmir e almorzar alí”, comenta a emprendedora.
n
nA aposta persoal e institucional polo emprendemento

n

nSobre a experiencia que está sendo emprender, os dous promotores de Monemú amosan a súa satisfacción por terse acollido á preincubadora universitaria e poder ter un espazo propio desde o que traballar. “Estamos na zona de coworking da Tecnópole, que nos encanta polo seu deseño e servizos, e sentímonos moi ben acollidos”, comenta Sandra González. “Emprender é moi duro porque o fas ti todo pero o balance de momento é moi positivo. Estamos aquí na preincubadora, xa temos en marcha Monemú, seguimos traballando para crear Tuofertalocal e continuamos formándonos para mellorar cada día máis”, engade Diego Mazaira. Mentres os primeiros clientes de Monemú chegan, ultiman os detalles dunha web e dun servizo no que teñen postas moitas esperanzas, ilusións e traballo.
n
nCon Monemú xa en marcha, Bagup e Fidex Track continúan o seu proceso de instalación, madurando o seu proxecto emprendedor. “Este curso académico a Preincubadora comezou a súa andaina con tres proxectos que desexamos sexan o primeiro paso dun programa estable de apoio ao emprendemento dos novos titulados da Universidade de Vigo, unha aposta na que contamos como aliados estratéxicos fundamentais co Parque Tecnolóxico de Galicia, que proporciona de balde os espazos, e coa Cámara de Comercio e Industria de Ourense e a Confederación de Empresarios de Ourense, que contribúen á formación destes emprendedores”, destaca Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense.

n