Rueda destaca que a primeira edición da aceleradora Galicia Avanza axudará a 30 pemes innovadoras a exportar co apoio da Xunta e a Tecnópole

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou na clausura da asemblea da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) que a primeira edición da aceleradora Galicia Avanza axudará a 30 pemes innovadoras a exportar co apoio da Xunta e a Tecnópole.

Galicia Avanza, unha aceleradora impulsada pola Administración galega e a Tecnópole, conta cun orzamento de 2,24 M€ para fomentar a internacionalización das empresas. Nesta primeira edición serán 30 as pemes innovadoras ou de base tecnolóxica que se beneficien desta iniciativa para exportar os seus produtos e servizos.

Ao longo da súa intervención, Rueda lembrou que o obxectivo final desta asemblea é “unir, estabilizar e saír máis fortalecidos”. Seguindo esta liña, incidiu na importancia da unión entre institucións públicas e privadas e estreitar a colaboración da administración e a economía nun momento económico complexo.

A potencialidade de Ourense

Durante o seu discurso, Alfonso Rueda lembrou o “papel protagonista” que xoga Ourense no progreso económico. A provincia alberga empresas punteiras no sector agroalimentario e da lousa, o turismo ou o termalismo ourensán que concentra o maior potencial de España. Con 66 municipios, Ourense é a provincia con máis Concellos Emprendedores, case a metade do total de Galicia (152).

Por esta mesma razón deséñase o Novo Plan Estratéxico da Tecnópole 2022-2024 para “renovar a fortaleza deste espazo de talento, de innovación e de progreso empresarial”. O presidente da Xunta de Galicia resumiu o plan en cinco liñas principais: a ocupación e creación de novos espazos; a formación, comunicación e mercadotecnia; a sustentabilidade, a innovación e o desenvolvemento empresarial.

Fonte: Xunta de Galicia