Rozas ofrece a científicos e empresas voos gratis para investigacións

As Plataformas Aéreas de Investigación (PAI), do Inta, que teñen a súa base no CIAR de Rozas (Lugo) e que están compostas por tres aeronaves con soporte complementario en terra, abriron un proceso de selección para apoiar proxectos de investigación que requiran recollida de datos en voo.

“Investigacións de altura”, que terá custo cero para o usuario, está aberto a estudantes, investigadores, centros de investigación ou empresas que pretendan desenvolver estudos con datos obtidos dende a atmosfera terrestre. O obxectivo desta iniciativa, segundo as bases é “incentivar a creación de novas vocación na investigación aeroportada”.

As PAI ofrecen tres voos gratuítos nos que participarán os proxectos seleccionados por un tribunal que preside Bartolomé Marqués Balaguer, subdirector xeral de sistemas aeronáuticos do Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial. A proposta inclúe tamén a instalación e calibración dos equipos propios do INTA, asesoramento técnico, loxístico e científico e as probas en terra e en voo necesarias para o desenvolvemento da campaña. O prazo para a presentación de solicitudes finaliza o 30 de xullo.

Nun ano, no aire

As propostas gañadoras faranse públicas o 20 de setembro. Os voos para a recollida de datos que se incorporarán ás investigacións confían en poder realizalos no próximo ano.

As PAI do Centro de Investigación Aeronáutica de Rozas conta con tres avións de investigación, un deles habilitado especificamente para investigación atmosférica, que realizou varias campañas no aeródromo lucense. Cada voo desta aeronave para comprobacións sobre o terreo supón un custo de 9000 euros de media.

Unha destas campañas foi para o proxecto Micras, unha misión científica que estuda os virus e as bacterias que se moven no aire, as pragas que se poden estender a través da troposfera e o propio ADN das nubes. Outra foi Meteorisk, desenvolvida conxuntamente coa Universidade de León. As plataformas aéreas realizaron campañas relacionadas coa física da atmosfera para estudar a formación de xeo, nubes, aerosois, radiación ou cinzas volcánicas. Tamén traballaron en teledetección para a observación da terra ou para a elaboración de mapas térmicos. Efectuaron así mesmo voos para o desenvolvemento de equipos e instrumentos, ensaios de prototipos de instrumentación.

O xurado neste caso está aberto a outro tipo de propostas, relacionadas con calquera rama da ciencia ou da técnica, segundo especifica a convocatoria.

(Fonte: La Voz de Galicia)