Robots intelixentes, sistemas de detección de inundacións e videoxogos protagonizan o campamento tecnolóxico de verán

Os 40 participantes do campamento de verán organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole experimentaron das maneiras máis divertidas durante dúas semanas para adquirir competencias e habilidades de innovación. Durante a última xornada mostraron os proxectos desenvolvidos nos Tecnópole Technological Workshops (T2W), nos que participaron rapaces e rapazas de 12 a 18 anos procedentes de Ourense, Vigo, Gondomar e Santiago.

No único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia deseñáronse e construíronse prototipos a partir de ideas que na maior parte dos casos seguirán sendo desenvolvidos durante os próximos meses para participar en novembro na décima edición da feira Galiciencia.

Despois de mostrar os seus proxectos, os equipos enfrontáronse nunha competición de foguetes propulsados por auga e aire, deseñados e construídos por eles mesmos aplicando as leis de Newton e os principios básicos da aerodinámica.

O prototipo máis espectacular dos expostos foi o dun aerodeslizador, un vehículo a motor que se deslizou polos corredores da Tecnópole lanzando un chorro de aire que lle permite desprazarse “flotando” sobre o chan mentres soporta o peso dun piloto.

Os videoxogos centraron unha boa parte dos proxectos desenvolvidos polos equipos. Grazas a linguaxes de programación intuitivas como o Scratch, lograron en tan só estas dúas últimas semanas crear xogos educativos. Nun deles, hai que guiar o gato ecoloxista para depositar o lixo de maneira selectiva no seu contedor correspondente. Noutro, os comandos actívanse sobre plataformas dispostas no chan que permiten dirixir os personaxes do videoxogo pulsando cos pés grazas á aplicación dun controlador denominado Makey Makey.

O láser foi a outra tecnoloxía estrela deste ano. Un dos equipos desenvolveu un sistema para diferenciar o aceite de oliva virxe extra do que non o é, de maneira que ao atravesalo o láser emite unha ou outra cor. A través dun sofisticado deseño, outro dos equipos foi capaz de deseñar un sistema de captura e reprodución de música do móbil ao ordenador vía láser.

Dúas das participantes aproveitaron o campamento para perfeccionar un proxecto que están pensando patentar. Trátase dun sistema de detección de inundacións a través dun pluviómetro que se enche só en caso de chuvias torrenciais e que, mediante un sensor, lanza un sinal no momento no que a auga chega ao bordo. Hoxe por hoxe, traballan no sistema de envío do sinal de alerta ao móbil.

Cociñas solares, unha trituradora e compostadora de residuos domésticos e un trivial baseado en coñecementos sobre as constantes vitais foron algúns dos outros proxectos presentados. Ademais, os campistas demostraron a súa capacidade para montar e programar robots construídos con pezas e mecanismos LEGO Mindstorms para realizar diferentes funcións de forma autónoma, como por exemplo superar obstáculos grazas á incorporación de sensores baseados en infravermellos e ultrasóns.

Diversión e aprendizaxe

Todos os participantes traballaron durante dúas semanas no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Debido a que as prazas se esgotaron moi pronto e que moitos nenos e nenas quedaron fóra, Tecnópole organiza en paralelo tres talleres de robótica dos que aínda quedan prazas para agosto e setembro.

Os obxectivos destas actividades consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc.

Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se desenvolven, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible e adaptada a cada tipo de idade.

Dado que se trata de actividades integradas no tempo de vacacións dos participantes, trátase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicaron tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.

(Fonte: Tecnópole)