O que sabe de moda aprendeuno en París. Roberto Verino quedou prendado do oficio mentres estudaba Belas Artes na capital francesa. Unha paixón que quixo compartir cos seus comezando un negocio na súa terra, a localidade ourensá de Verín. De aí o seu apelido “artístico”. O do DNI, Mariño, é ben coñecido nunha contorna rural que, até entón, non tiña tradición na industria téxtil.
«Unha tolemia» coa que romper co triste costume de ter que abandonar a rexión en busca dun futuro profesional. «Unha sangría moi dolorosa» contra a que tiña claro que poría o seu gran de area axudando a que moitos mozos non tivesen que deixar ás súas familias para gañar o pan. Non só xerou traballo. Creou unha contorna que resulta gratificante porque eles «son o seu motor de enerxía». O mellor exemplo é que forman parte do seu equipo fillos e netos das persoas que empezaron con Verino no inicio da creación da súa firma. Un proxecto arriscado no que se vencellaron tanto os pais como os irmáns do deseñador empezando de cero.
«Era máis fácil fracasar que triunfar», comenta co inusual optimismo co que Verino impregna cada unha das súas conversas. Pero triunfou. E fíxoo cunha receita baseada na forza da vontade, a coraxe e a paciencia, porque o seu desenvolvemento foi moito máis lento que se se instalara en París.
O futuro da empresa «está encomendado a dúas mulleres». Trátase da súa filla, Cristina Mariño -directora de Marca-, e de Dora Casal -directora executiva-, que se sumou ao equipo en 2019, tras 17 anos noutra firma emblemática galega, Adolfo Domínguez.
Un feminista que defende a sustentabilidade ben entendida e critica a «pose falsa» que hai desde hai uns anos ao redor dela. «Por exemplo, defender a pel falsa é unha auténtica aberración. Cando se come un animal, por que non aproveitar a pel? Outra cousa é destruír por destruír, o seu uso debe estar xustificado», aclara o creador do termo «armario emocional». «Aquel que contén pezas que teñen un valor e significado para nós porque forman parte da nosa vida, porque as compramos nun momento importante ou as herdamos», explica.
O consumo responsable reflíctese na súa nova colección, “Belleza serena”, unha homenaxe a 40 anos inspirándose na beleza das cousas sinxelas, eternas, capaces de transcender no tempo porque saben adaptarse sen perder a súa esencia.
Fonte: El Correo Español