Roberto Verino: “A moda foi o motor que trouxo a innovación social e industrial a Galicia”

“A moda foi para Galicia un motor de innovación social, industrial e económico fundamental e transformador”, declaraba Manuel Roberto Marino Fernández (Verín, 1945), o deseñador de moda que logrou traspasar fronteiras como Roberto Verino e edificou a súa firma téxtil sobre un apelido adoptado en homenaxe ás súas raíces.

Verín -cuxo auditorio foi escenario do seu ingreso como académico de número na sección Artes da Imaxe da Real Academia Galega de Belas Artes- converteuse así cos anos nunha sublimación dese “Macondo” persoal que inspirou boa parte da súa faceta creativa, recoñeceu o deseñador galego durante a súa intervención. O orgullo pola terra e por Galicia centrou boa parte do seu relatorio ante centos de amigos, familiares e representantes do mundo da política e a cultura.

Un recoñecemento máis a unha traxectoria repleta de galardóns como a Agulla de Ouro, que recibiu en 1992; a Medalla Castelao, que recolleu en 1996; ou a Medalla de Ouro das Belas Artes, que lle foi entregada en 2008.

Nesa continua apelación ao seu sentimento de orixe, Roberto Verino relatou que quixo na súa faceta como deseñador “impregnar de pegadas recoñecibles da orixe cada peza, marcando un camiño de identificación e revalorización da nosa terra”. De aí que tivera mesmo referencias icónicas nos seus primeiros anos a temas da cultura celta ou a pintores galegos nalgúns dos seus deseños. Defendeu ademais a interacción entre moda e arte, e á moda en si como “unha forza motriz” que debe inspirar a moitos axentes locais e está chamada a ser “espello de como vive unha determina época da humanidade”.

Fonte: Faro de Vigo