Respostas científicas aos retos sociais e tecnolóxicos do envellecemento

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Obra Social ‘a Caixa’ e a Fundación Xeneral CSIC presentaron os resultados definitivos dos cinco Proxectos Cero en Envellecemento na xornada Respostas científicas a retos sociais e tecnolóxicos do envellecemento.

Sesenta investigadores de catorce institucións traballaron durante catro anos neste programa ao que a entidade financeira destinou un millón de euros.

Os resultados destes cinco proxectos dan respostas científicas aos retos formulados nos ámbitos tecnolóxico e psicosocial, orientados a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Os seus investigadores principais son: Josep Blat, Universitat Pompeu Fabra; Concepció Patxot, Universitat de Barcelona; Eva Chinarro, Instituto de Cerámica e Vidro do CSIC; Joan Subirats, Universitat Autònoma de Barcelona; e Roberto Hornero, Universidade de Valladolid.

Proxectos

Worthplay, videoxogos para o envellecemento positivo. Investigador principal: Josep Blat. O proxecto deseñou, implementou e avaliou unha plataforma de xogos, testada tecnoloxicamente e con usuarios, que permite a persoas maiores, con diferentes niveis de alfabetización dixital, xogar e crear xogos. Ao redor de trinta xogos creáronse e xogáronse en diferentes ámbitos socioculturais. Xogar, e crear xogos WorthPlay fomenta a socialización, tanto presencial como virtual, porque non fai falta estar fisicamente nun lugar concreto para xogar, ao tratarse dunha plataforma online. Ademais da socialización, os resultados de avaliación mostran que contribuír con coñecemento e vivencias a un xogo, fai que os maiores se sintan útiles e teñan recoñecemento social.

As pensións e a educación: efectos combinados na redistribución inter e intraxeneracional. Investigador principal: Concepció Patxot. Neste proxecto investigáronse os efectos conxuntos de dous dos programas sociais de transferencias públicas máis relevantes, as pensións e a educación. Os resultados mostran que tanto o gasto público en pensións como en educación teñen efectos sobre a distribución da renda, se ben os efectos do sistema público educativo son moi superiores. É dicir, para as cohortes analizadas, a redución na desigualdade da renda vital que resulta dun incremento no gasto educativo é sensiblemente maior que a que se obtén de aumentos no gasto en pensións.

Biomateriais para modular a inflamación producida pola dexeneración macular asociada á idade (BIODMAE). Investigador principal: Eva Chinarro. Neste proxecto conseguiuse sintetizar un biomaterial (composite polimérico cerámico) con capacidade de neutralización de especies radicais, do tipo das especies pro inflamatorias responsables do proceso inflamatorio crónico relacionado co envellecemento e co desenvolvemento da DMAE, polo menos na súa etapa inicial. Este biomaterial obtívose empregando métodos sinxelos de fabricación, doadamente escalables, e materiais economicamente moi competitivos e que foron empregados previamente en dispositivos biomédicos. Ademais, o material demostrou a súa compatibilidade coas células encargadas de sustentar os fotoreceptores da retina, e que a medida que a DMAE progresa deixan de ser funcionais e comezan a morrer. A investigación segue en curso en modelos dinámicos en biorreactor, simulando o ámbito do ollo, sendo necesario posteriormente extrapolar estes desenvolvementos a modelos in vivo, que corroboren os resultados obtidos in vitro. De comprobarse, este tratamento podería mellorar a calidade de vida do paciente, minorando a evolución da enfermidade e reducindo o número de tratamentos aos que debería someterse, reducindo o estrés que isto lle xera.

Envellecemento activo, cidadanía e participación. Investigador principal: Joan Subirat. Os resultados apuntan a que as políticas locais de envellecemento activo (EA) están pouco consolidadas e que desenvolveron un paradigma do EA a miúdo como un estándar ríxido, pouco congruente coa diversidade das persoas maiores, a noción de ciclo vital e a interxeneracionalidade. Por outra banda, partindo do recoñecemento da diversidade das persoas maiores, as políticas de EA deben traballar para cambiar o imaxinario social en torno á vellez, modificar o contexto físico e social no que se xoga a participación e, especialmente, impulsar a autonomía, asumindo o protagonismo das persoas maiores na coprodución de políticas e servizos que os afecten.

Aplicación de sistemas Brain Computer Interface á prevención dos efectos do envellecemento. Investigador principal: Roberto Hornero. A ferramenta BCI permite controlar oito dispositivos electrónicos presentes comunmente no fogar: televisión, reprodutor de DVD, equipo de música, disco duro multimedia, lámpada LED, calefactor, ventilador e teléfono. Os resultados obtidos indican que a habilidade á hora de controlar a aplicación BCI é independente do grao de discapacidade motora e cognitiva. O rendemento alcanzado por usuarios finais reais en termos de precisión foi superior ao 80% en máis do 75% da poboación de estudo. Polo tanto, é posible concluír que a aplicación BCI desenvolvida podería ser unha ferramenta moi útil á hora de incrementar a autonomía das persoas maiores no desenvolvemento de actividades da vida diaria.

(Fonte: CSIC)