Soa a ciencia ficción, pero a transformación dos residuos plásticos oceánicos en novos compoñentes ecoinnovadores é un proxecto que está a punto de ser realidade no mundo marítimo e farase con tecnoloxía made in Galicia.
Nun futuro xa próximo os barcos imprimirán en tres dimensións e en poucos minutos, con impresoras 3D especialmente deseñadas, pezas de recambio elaboradas con plásticos reciclados recollidos nos seus propios ámbitos mariños, evitando recorrer aos de fóra. Esta será unha das aplicacións do proxecto CircularSeas, que tamén contempla reconverter os refugallos plásticos de portos e empresas portuarias para transformalos en produtos de nova creación.
Trátase de promover a economía verde coa creación de produtos, pezas e compoñentes a partir dos residuos recollidos polos buques no mar ou resultantes da actividade da pesca, a acuicultura, os estaleiros, os portos ou a práctica dos deportes náuticos.
Participan oito socios de España, Francia, Portugal, Reino Unido e Irlanda, a través dos portos de Vigo, Ondárroa, La Rochette, Cork, Playmouth e Leiría, especializados en informática e software, maquinaria, materiais biodegradables, impresión 3D, reciclaxe ou automatización industrial.
Institucións de todo o Arco Atlántico, como a Universidade do País Vasco, que lidera o proxecto a través do centro de investigación Leartiker, así como a UVigo, o Instituto Politécnico de Leiría, e os centros de Cork, Playmouth e La Rochette, traballarán conxuntamente durante tres anos neste proxecto.
Dotada con dous millóns de fondos Feder, na iniciativa participa o grupo de investigación de enxeñería de sistemas e automática da Universidade de Vigo, liderado polo profesor Julio Garrido. Encargaranse de desenvolver novos sistemas de maquinaria avanzada para fabricar compoñentes plásticos. Así, seleccionados os residuos a revalorizar, desenvolverán a adaptación das impresoras 3 D ás esixencias dos barcos.
Garrido insistiu na presentación que se trata de utilizar os plásticos residuais, fóra de uso, para darlles outro uso futuro.
Novas solucións
Durante a presentación en que participaron as entidades galegas colaboradoras como o Igape ou a Autoridade Portuaria, cuxos responsables expresaron as “grandes expectativas de CircularSeas” entre os actores da industria naval e portuaria, a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez, destacou a transcendencia do proxecto. “Se se lles pode dar un valor engadido aos microplásticos retirados do mar e se mesmo axudan a solucionar sobre a marcha algún problema mecánico que poida xurdir nun barco, isto ten, sen dúbida, un valor moi elevado”. Esta incidiu na necesidade de unir esforzos para conseguir novas solucións ante o problema dos plásticos que invaden o mar.
O elemento diferenciador dos novos produtos desenvolvidos a partir de plásticos reciclados cos que desenvolven as industrias do téxtil e do calzado, é que está centrado na impresión 3 D das pezas, “que non é a mellor para producir” grandes volumes pero que permite unha grande adaptación aos ámbitos laborais en que se instalen.
Fonte: El Correo Gallego