Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación). Esta mañá abríase o prazo para que os centros interesados se inscriban e vaian presentando os seus proxectos; poderán facelo ata o vindeiro 25 de marzo a través da web www.galiciencia.com.
Logo de dous anos realizándose en formato online debido á pandemia, regresa de novo de xeito presencial (aínda que tamén se poderá participar de maneira online). Esta 17ª edición terá lugar os días 11, 12 e 13 de maio, coa temática da “Economía circular” como fío condutor.
Concurso de proxectos
Poden presentarse dous proxectos por centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP na modalidade presencial; que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. No caso da modalidade online non hai límite de número de proxectos.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática da “Economía Circular”, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen na modalidade online.
Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia.
Concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia e concurso de fotografía a través de Instagram
O alumnado de Primaria de toda Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2022. O prazo estará aberto ata o 25 de marzo. Os interesados deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados ao enderezo galiciencia@tecnopole.gal ou presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Tamén haberá un concurso de fotografía a través de Instagram. Neste caso o prazo para presentarse remata o 18 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.
Desafío “Atrévete coa Economía Circular!”
O alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia poderá participar no Desafío científico “Atrévete coa Economía Circular!”. Consta dunha primeira fase online con tres retos. Para participar no primeiro reto será preciso inscribirse antes do 18 de febreiro a través da páxina web atrevete.galiciencia.com. Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online.
Para visitar a feira
Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo ata o 25 de marzo para facer a súa reserva. Haberá un límite de 40 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 20. Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.
Máis información: www.galiciencia.com
Fonte: Tecnópole