ReFlex, o móbil flexible xa é unha realidade

As pantallas flexibles son unha realidade e todo apunta que o serán pronto tamén os ‘smartphones’ con pantalla flexible. Un grupo de desenvolvedores da Universidade de Queens (Estados Unidos) creou ReFlex, un prototipo de teléfono móbil con pantalla táctil totalmente flexible que permite realizar diferentes funcións dependendo de como se dobre.

Un dos conceptos máis rompedores destes últimos anos na tecnoloxía de consumo é o das pantallas flexibles aplicadas a dispositivos pregables. Samsung presentou a súa tecnoloxía para este campo no CES de 2014 e, aínda que ata agora non se volveu saber nada de ningún ‘smartphone’ así, analistas de HSBC indican que a compañía surcoreana presentará a súa creación durante este 2016.

O equipo de Human Media Lab, o laboratorio en concreto que levado a cabo o prototipo de teléfono, quere dar un paso máis alá e buscar unha funcionalidade aínda maior que simplemente o feito de ocupar menos espazo.

ReFlex é un terminal con pantalla OLED flexible de 720p creada por LG. Funciona con Android 4.4. e incorpora, na súa parte traseira, un sensor de flexión e un motor de retroalimentación háptica, o cal lle dá a posibilidade de que, dependendo de como se exerza a forza para dobralo, se interactúe con el dun ou outro xeito, realizando funcións como pasar as páxinas dun libro dixital a máis ou menos velocidade.

O terminal tamén é capaz de proporcionar unha resposta en forma de vibración que permite que os usuarios saiban en todo momento que están a realizar correctamente a función, proporcionando unha maior ‘retroacción’ cando se interactúa con obxectos virtuais que o que o público está acostumado.

Esa vibración, que, ademais, se dá na pantalla, é posible grazas a que incorpora unha bobina de voz que fai que sexa capaz de simular as forzas de fricción correspondentes ao grao de dobrez que se lle aplique.

Poder ler de forma máis realista e poder pasar as páxinas do libro, avanzando e dobrándoas coma se o libro fose real. Ou xogar ao Angry Birds interactuando e notando como se move o tirapedras do xogo. Estas son algunhas das funcionalidades que usan como exemplo os seus creadores. “A medida que a banda de goma se expande, os usuarios experimentan vibracións que simulan as dunha banda de goma real de estiramento. Cando se libera, a banda, prodúcese o envío dunha sacudida a través do teléfono e o envío do paxaro que voa pola pantalla”, explican.

O dispositivo cambiaría a experiencia dos usuarios e a forma de utilizar os teléfonos móbiles. “Isto representa unha forma completamente nova de interacción física cos teléfonos intelixentes flexibles”, explica o director do Human Media Lab da Universidade de Queen, Roel Vertegaal, segundo recolle o medio Phys. Aínda que se trate aínda dun prototipo, Vertegaal cre que estes teléfonos poderían estar en mans dos consumidores nun prazo de cinco anos.

(Fonte: EP)