Recursos forestais, arte feminino e xeolocalización no mar protagonizan os proxectos da Preincubadora da Tecnópole

Parque Tecnolóxico de Galicia acolleu esta mañá o acto de presentación dos proxectos seleccionados no Campus de Ourense na sétima edición dos premios Incuvi -Emprende e na terceira edición dos premios Incuvi -Avanza, convocados pola Universidade de Vigo e nos que Tecnópole colabora cedendo espazo no seu niño de empresas, durante un ano, aos tres proxectos gañadores na modalidade Incuvi -Emprende. No acto participou a directora da Axencia Galega de Innovación e vicepresidenta de Tecnópole, Patricia Argerey.

En concreto, os proxectos que se aloxarán no niño de empresas do edificio CEI do Parque son: Aproveitamento de recursos forestais, impulsada polo egresado da Escola de Enxeñaría Industrial Juan José Gil; ReivindicARTE, promovido por Violeta Pérez, estudante da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, xunto a Sabela Pindusa Martínez e Jorge Varandela; e Biolux, unha idea procedente de estudantes da Facultade de Ciencias e representados por Daniel Docampo, xunto a Aida Otero e Borja Fraguela.

Patricia Argerey deulles a benvida ao Parque e felicitounos, poñendo á súa disposición todos os servizos e espazos que Tecnópole ofrece ao conxunto de empresas e centros tecnolóxicos que alí se aloxan. Ademais, agradeceu ás entidades implicadas na organización destes galardóns a súa participación: a Universidade de Vigo, a Asociación de Xoves Empresarios, Expoourense e a Confederación de Empresarios de Ourense.

Argerey aproveitou para lembrar o apoio da Xunta de Galicia ao emprendemento innovador, un área de acción que seguirá sendo estratéxica no Plan Galicia Innova 2020, e destacou dous instrumentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria que traballan nesta dirección: a Rede de Aceleradoras de Galicia e os fondos de capital risco. A Rede de Aceleradoras de Galicia permitiu apoiar máis de 600 proxectos nos últimos cinco anos cun investimento de 18 millóns de euros a través de iniciativas como VíaGalicia, a Business Factory Auto ou Agrobiotech Innovación. Por outra banda, Gain impulsa en colaboración co IGAPE e Xesgalicia fondos de capital risco como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras que ofrece apoio financeiro a iniciativas de emprendemento.

O acto de presentación dos proxectos contou tamén coa participación de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que salientou como desde a posta en marcha en 2011, os Premios Incuvi “veñen avanzando e mellorando, aprendendo da experiencia adquirida cada ano”. Deste xeito, o vicerreitor subliñou como na actualidade “estes premios non son papel mollado” e como permiten “dar voz e saída ás ideas empresariais” fraguadas na universidade.

Tres iniciativas con futuro

ReinvindicARTE presentouse como unha iniciativa que combina a xestión cultural e a intervención social. Violeta Pérez, Sabela P. Martínez, Jorge Varandela e Silvia Meno son os seus promotores, procedentes de eidos estudos como Educación Social, Xeografía e Historia, Turismo e Artes Escénicas. “Con ReinvindicARTE queremos dar visibilidade e promocionar ás novas artistas galega descoñecidas”, comentou Violeta Pérez. Para acadalo, sinalou, queren pór en marcha unha plataforma web na que se dea a coñecer ás creadoras e as súas obras. Ademais, e tendo en conta que “cremos no poder integrador da cultural”, neste proxecto tamén terá cabida, indicou a emprendedora, talleres e actividades de inclusión social relacionadas coa arte nas súas múltiples formas de expresión.

Aprovechamiento de los Recursos Forestales é o proxecto impulsado en solitario por Juan José Gil, titulado en Enxeñaría e Tecnoloxías Industriais. O seu proxecto de negocio consiste no aproveitamento e recuperación de terreos forestais actualmente abandonados pero de gran valor ecolóxico, concretamente soutos de castiñeiros e carballos do medio rural, na contorna do municipio de Castro Caldelas ao que pertence. Para acadalo, aposta pola comercialización de produtos de consumo, como carne e castañas, a partir destes terreos e con criterios ecolóxicos. “A idea é apostar polo desenvolvemento rural sostible”, comenta o emprendedor.

O terceiro novo inquilino da preincubadora é Biolux, un proxecto de Daniel Docampo, Aída Otero e Borja Fraguela. Este último, estudante de último curso na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, foi o encargado de explicar o seu proxecto na Tecnopole, que consiste “no desenvolvemento e comercialización dun modelo de boia baseado na bioluminiscencia, empregando unha bacteria”. O seu produto está encamiñado á localización nocturna de redes, nasas e outro tipo de posicionamento marítimo.

Xunto a eles tamén se distinguiu cun Premio Incuvi-Avanza a Ouvir, iniciativa que despois dun ano na Preincubadora da Tecnopole pasa agora ao Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI). O proxecto é de Estefanía Estévez, que recibe 3000 euros, un niño no CITI e o asesoramento dun equipo de profesionais que actuarán como mentores durante o ano que estea neste espazo. Moi satisfeita coa maduración da súa proposta na preincubadora da Tecnopole, Estefanía Estévez afronta agora esta etapa “con moita ilusión” e cun proxecto que na actualidade “se centra en dar servizo a persoas con diversidade funcional e formación especializada a profesionais que traballan con estes colectivos”. O ano de estadía na preincubadora, sinalou, serviulle para “ir máis alá do que eu pensaba, para diversificar e ampliar a clientela”, polo que animou ás e aos novos emprendedores que agora se incorporan aos niños a aproveitar todas as oportunidades que teñen ao abeiro desta iniciativa.

Os premios Incuvi-Emprende e Incuvi-Avanza

O obxectivo dos premios Incuvi-Emprende é fomentar o espírito emprendedor entre estudantes e persoas egresadas da Universidade de Vigo a través dun concurso de ideas que proporcione a proxectos emprendedores dos tres campus un programa de preincubación dun ano, mentres que o dos premios Incuvi-Avanza é ampliar durante un ano máis o apoio a aqueles proxectos empresariais máis viables e con potencialidade dos galardoados na convocatoria anterior dos premios Incuvi.

A Universidade de Vigo, organizadora dos premios, ofrece as actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos no caso dos premios Incuvi-Emprende, así como tamén a estadía no seu Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Ourense (CITI) para o premiado Incuvi-Avanza no Campus de Ourense.

Pola súa banda, Tecnópole acolle durante un ano na súa preincubadora de empresas os proxectos seleccionados na categoría Incuvi-Emprende, así como dá acceso aos espazos e servizos comúns que ofrece ás empresas e centros que están aquí ubicados. Algunhas destas prestacións que o Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición son: formación, asesoramento en comunicación, acceso a aulas e salas de reunións, rede de fibra óptica, conectividade inarámica e infraestruturas científico-tecnolóxicas, así como servizo de soporte á xestión e viabilidade empresarial, entre outros.