A sinatura deste acordo enmárcase dentro de TheCircularLab, un programa máis amplo que desenvolve Ecoembes e que, segundo informou esta organización ambiental sen ánimo de lucro, constitúe o primeiro centro de innovación sobre economía circular creado en Europa. Rosa Trigo, directora técnica e de Innovación de Ecoembes, explicou que esta colaboración “permitirá á rexión dar un paso máis como epicentro europeo da investigación aplicada á economía circular e en materia de reciclaxe”.
Pola súa banda, Julio Rubio García, reitor da Universidade da Rioxa, resaltou que “a creación da Aula Ecoembes da Universidade da Rioxa permitiranos actuar tanto no ámbito da formación como no da investigación en temas que son esenciais para o noso futuro como sociedade”.
O fin último desta iniciativa é canalizar aquelas propostas que impulsen a innovación no ámbito dos envases e o seu reciclado, así como para axudar ás start-ups da rexión en materia de mentoring e asesoramento. Unhas iniciativas que, segundo resaltou Rubio, non xurdirán a partir da petición dunha empresa externa, “senón que eses proxectos van crecer dende a aula”.
Para iso, a súa actuación xirará en torno a tres grandes áreas: formación, investigación e sensibilización. En relación ao primeiro eixe, levarase a cabo un programa baseado na formación ambiental, con especial atención a aquelas iniciativas sociais que poidan facer mellorar a reciclaxe e a experiencia do usuario neste ámbito. Así mesmo, a ‘Aula Ecoembes da Universidade da Rioxa’ fomentará a investigación, impulsando accións relacionadas co ecodeseño, cidadanía e fomento da reciclaxe, recollida, tratamento e ciclo de vida dos materiais. Finalmente, no ámbito da sensibilización, ambas as dúas entidades comprometéronse a desenvolver unha estratexia de comunicación vinculada a promover a actividade formativa, investigadora e innovadora coa finalidade de aumentar o coñecemento desta temática na sociedade.
A reciclaxe española en cifras
En 2016 recicláronse máis de 1,3 millóns de toneladas de envases lixeiros e envases de cartón e papel en todo o territorio nacional, alcanzando unha taxa de reciclado de 76%. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1 millón de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar o equivalente ao consumo eléctrico anual de máis de 700.000 fogares españois. Así mesmo, aforráronse 20,1 millóns de metros cúbicos de auga.
(Fonte: Innovaspain)