Rapazada de altas capacidades integrada na asociación Inventiva goza dunha xornada científica e lúdica xunto ás súas familias en Tecnópole

Inventiva é unha asociación sen ánimo de lucro formada por pais e nais de nenos e nenas con inquedanzas intelectuais, talentos ou altas capacidades da provincia de Pontevedra. Con sede en Vigo, iniciou a súa andaina en 2015 co obxectivo de axudar a satisfacer as necesidades formativas, psicolóxicas e de relación destes nenos, ao tempo que axudan aos pais e aos educadores a xestionar ese potencial. Na actualidade a asociación reúne a máis de 200 rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos e a un total de 130 familias.

Como actividade de fin de curso, preto de 80 rapaces e rapazas integrados na asociación desfrutaron dunha xornada formativa e de lecer xunto ás súas familias no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. Os maiores, desde 6º de Primaria a 4º da ESO, pasaron a mañá na Aula Newton Galicia instalada no Parque. Esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas -a primeira destas características en España- está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

Ana Valverde, vicepresidenta de Inventiva: “Estes rapaces necesitan que se lles estimule, precisan actividades que lles supoñan un reto”

Tal como indica a vicepresidenta de Inventiva, Ana Valverde, “estes rapaces necesitan que se lles estimule, precisan actividades que lles supoñan un reto, e a Aula Newton cumpre con esas expectativas. Tiveron a oportunidade de poñerse aos mandos dos simuladores de voo profesionais cos que conta a Aula, responder a unha hipotética misión de rescate, calcular as rutas de voo…. Foi fantástico. É unha experiencia moi recomendable”. A voceira da asociación pon de relevo que “as actividades científicas aplicadas como esta, que teñen un enfoque real, engánchanos moito. E isto, unido á convivencia e ás relacións interpersoais, resúltalles de moita axuda”.

Pola súa parte, a rapazada de 9 a 11 anos participou nunha xincana científica e os máis pequenos gozaron realizando diferentes experimentos. Ao remate da mañá, desfrutaron todos xuntos dun espectáculo de ciencia. Xa pola tarde, as familias culminaron esta xornada de convivencia na piscina do Parque.

Tecnópole amosa deste xeito o seu compromiso e apoio a organizacións sen ánimo de lucro, entendendo que a través deste tipo de iniciativas contribúese a axudar a colectivos que teñen maiores dificultades á hora de acceder a certas propostas. Así, en setembro está prevista tamén a participación de Down Ourense nunha xornada similar na Aula Newton, co fin de estimular á rapazada a través desta innovadora actividade educativa.