O Parque Tecnolóxico de Galicia pon en marcha unha nova edición das súas Aulas Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 12 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro, a través da páxina web https://www.tecnopole.es/es/aulas-tecnopole. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que buscan incentivar as vocacións científicas e técnicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.
Aproveitaranse as instalacións da Aula Newton, polo que as actividades vanse centrar no campo aeronáutico e aeroespacial. Así, os participantes poderán deseñar sondas estratósfericas, desenvolver microsatélites, crear túneles de vento ou deseñar o seu propio dron.
As Aulas Tecnópole alcanzan este ano a súa décimo cuarta edición. As prazas están limitadas a 45 asistentes, por orde de inscrición. A cota mensual é de 20 €, que inclúe ademais o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.
A rapazada trasládase unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2023 a maio de 2024. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características.
Os participantes nesta experiencia, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Ademais, terán a ocasión de presentar os seus proxectos en diferentes feiras científicas de ámbito nacional como Exporecerca Jove en Barcelona ou Open Science en Cambre.
Fonte: Tecnópole