Rapaces e rapazas de 12 a 18 anos de toda Galicia xa poden inscribirse no campamento tecnolóxico de verán que promove Tecnópole

Aprenderán a pilotar utilizando simuladores de voo profesionais e iniciaranse na construción e manexo de drons, entre outras actividades

O Parque Tecnolóxico de Galicia promove, un ano máis, a XII edición do campamento tecnolóxico de verán T2W -Tecnópole Technological Workshops-. Realízase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

Esta iniciativa forma parte da aposta de Tecnópole pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Diríxese a un total de 80 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, de 6º de Primaria a 2º de Bacharelato (40 en cada quenda). Haberá unha primeira quenda do 1 ao 5 de xullo e unha segunda do 8 ao 12 de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será a finais de maio ou ata que se cubran as prazas dispoñibles, a través da web http://t2w.tecnopole.es/.

Debido ao éxito obtido co módulo “Voamos con números: unha aventura aérea” levado a cabo durante o curso escolar na Aula Newton Galicia, instalada no Parque, Tecnópole decidiu celebrar o seu campamento tecnolóxico de verán aproveitando a metodoloxía e os recursos empregados nesta Aula.

Tal como destacan desde Tecnópole, “o campo da aeronáutica e o espazo é un dos que máis interese espertan entre o alumnado”. Nesta liña, o campamento, cun enfoque práctico e experimental, oferta un conxunto de actividades didácticas e amenas que permitirán aos participantes introducirse nos conceptos básicos da aviónica e a electrónica necesarios para o desenvolvemento de proxectos aeroespaciais. Entre outras actividades, os asistentes aprenderán a pilotar utilizando simuladores de voo profesionais, crearán plans de voo, iniciaranse na montaxe e manexo de drons, na programación de placas electrónicas e mesmo realizarán prototipos mediante impresión 3D.

O custo do campamento é de 150 euros. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario ás piscinas do Parque. 

A través desta experiencia procúrase que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras. Nesta liña, o Parque Tecnolóxico de Galicia leva anos traballando para favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude.