O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove, un ano máis, a IX edición do campamento tecnolóxico de verán T2W -Tecnópole Technological Workshops-, en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia.
Esta iniciativa forma parte da aposta de Tecnópole pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Diríxese a un total de 25 rapaces de entre 12 e 18 anos. Dará comezo o 5 de xullo e prolongarase ata o 16 de xullo; de luns a venres, en horario de 10:00 a 18:00 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 4 de xuño ou ata que se cubran as prazas dispoñibles, a través de http://t2w.tecnopole.es/.
Durante 10 días, entre outras actividades, os asistentes terán a oportunidade de iniciarse en programación e robótica, tamén poderán construír foguetes de auga, achegarse ao 3D, enfrontarse a diversos retos STEAM (traballaranse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas), iniciación a microbit (microordenador de peto), xunto ao desenvolvemento de experimentos e prácticas de laboratorio.
O custo do campamento é de 290 euros. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese tamén o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario á piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Como xa é habitual neste campamento, as diferentes propostas estarán dirixidas por recoñecidos expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver nesta edición. Proxectarán os seus coñecementos cara aos xoves participantes de xeito moi ameno, práctico e innovador.
Promover as vocacións científicas entre os máis novos
Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia salientan que “a través do campamento T2W búscase favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude, potenciar o intercambio de experiencias creativas e innovadoras entre @s moz@s, ademais de incrementar a interacción entre os rapaces e o mundo científico”.
De xeito particular, perséguese o desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora, a dinamización da axilidade mental e da creatividade de cada un dos participantes. Ademais de procurar que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, búscase potenciar actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras.