Quobis Networks afiánzase no mercado latinoamericano co apoio de “Galicia Avanza”

Con 17 anos de traxectoria ás súas costas, a porriñesa Quobis é unha das empresas do sector TIC máis destacadas de Galicia, especializada en ofrecer servizos de integración, venda de solucións propias e soporte técnico de redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas. Cun persoal de 45 profesionais, en 2022 facturaron 4,3 millóns de euros, o 70% no mercado nacional e o 30% restante no exterior.

Internacionalización

O 85% do mercado de Quobis compóñeno operadores de telecomunicacións (Vodafone, Telefónica, R, Euskaltel…), ademais das grandes corporacións que suman o 15% restante. A consultora pon ao dispor dos seus clientes todo tipo de solucións de comunicación de voz e de vídeo.

Quobis Networks foi unha das empresas beneficiarias de “Galicia Avanza”, a aceleradora de internacionalización posta en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Durante o seu paso polo programa, recibiron asesoría e apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia. Trátase dunha plataforma baseada en tecnoloxía WebRTC que permite a operadoras e grandes empresas soportar multitude de casos personalizados, achegando capacidades multimedia de última xeración ás redes de voz existentes.

Ademais da parte formativa, a participación en “Galicia Avanza” comprendeu unha serie de accións orientadas a gañar presenza na rexión, que se materializou por un lado na participación nun evento sectorial en Miami para a localización de partners e, por outro, na realización dun estudo de mercado para coñecer o grao de implantación das solucións tecnolóxicas no territorio.

Fonte: Galicia Empresa