A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou no Porriño a sede da empresa tecnolóxica Quobis Networks, centrada principalmente en servizos de consultoría de redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas, ámbito do que é un referente galego, estatal e europeo. Na súa estadía Argerey comprobou os avances en materia de novos mercados da empresa galega, proceso no que foi apoiada pola aceleradora Galicia Avanza, posta en marcha por GAIN, o IGAPE e a Tecnópole en 2022.
En concreto, Quobis recibiu apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia. Trátase dunha tecnoloxía que comezou a desenvolver en 2013 baseada en WebRTC (comunicacións web en tempo real), sendo a primeira firma en lanzar un servidor de aplicacións a partir desta tecnoloxía, que permite a operadoras e grandes empresas (como entidades bancarias) soportar multitude de casos personalizados, achegando capacidades multimedia de última xeración ás redes de voz existentes.
Ao longo destes anos, Quobis converteuse en partner referencial para operadores como Vodafone, Telefónica ou BT. Durante a visita de Argerey, a empresa galega puxo o foco nunha das grandes características da plataforma, que é a posibilidade de achegar aos usuarios diferentes servizos de comunicación en tempo real, como vídeo-conferencia, mensaxería instantánea, voz IP ou PSTN. “A capacidade para usarmos de xeito indistinto estes servizos fai posíbel, por exemplo, a nosa identificación para a apertura de contas bancarias en remoto, a atención a clientes por vídeo-conferencia, a peritaxe remota ou as comunicacións para traballadores, entre outras opcións”, explicaron ante a directora de GAIN os responsábeis da compañía TIC.
Fonte: Código Cero