Química fluorescente galega

Nunca antes de 2020 se puxera de manifesto a necesidade de acelerar os procesos de investigación previos ao desenvolvemento dun fármaco; un camiño que pode supor máis de dez anos de investigación e custos superiores a mil millóns de euros e que se inician coa identificación dunha posible diana terapéutica. Este primeiro paso facíase tradicionalmente cun cribado de compostos químicos, unha fase que agora é posible acurtar grazas á tecnoloxía desenvolta por Celtarys, unha empresa moi recente, pero que xa acumula anos de investigación nos laboratorios da USC. «Tradicionalmente usábanse radioligandos e levan moitos inconvenientes relacionados coa seguridade e o medio ambiente», explican os seus promotores.

Os ligandos fluorescentes que eles patentaron son unha alternativa viable á radioactividade «e achegan valor en termos de afinidade, potencia e selectividade nun tempo reducido, adaptándose ás necesidades do mercado», subliñan.

A empresa viu a luz o pasado mes de febreiro, pero a tecnoloxía que desenvolveron xorde da investigación levada a cabo desde o ano 2009 polo grupo de investigación de Eddy Sotelo; no 2018, o proxecto foi seleccionado polo programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación, o que supuxo un salto cualitativo para esta empresa biotecnolóxica.

Ademais dos investigadores vencellados ao grupo de Sotelo, no proxecto tamén participa o equipo de Mabel Loza, que conta cunha ampla experiencia no descubrimento de fármacos e colaboración coa industria. O ano pasado incorporouse ao proxecto Sonia Martínez Arca como CEO de Celtarys. Eddy Sotelo, María Majellaro e Jhonny Azuaje son os autores da patente na que se basea a tecnoloxía e na empresa tamén participan Mabel Loza, José Brea e José Manuel Santamaría, do grupo Biofarma, ademais de Javier Sardina e a Universidade compostelá.

Celtarys é, por tanto, unha empresa con capital cento por cento galego, aínda que con vocación global; os seus clientes potenciais son empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas que levan a cabo investigacións sobre novos fármacos. «Por iso, a nosa intención é atraer tamén investidores de fóra de Galicia », destacan os seus promotores.

Os seus competidores tamén están fóra de España, e o factor diferencial desta nova empresa galega é a súa especialización na síntese química de sondas fluorescentes aplicando a súa metodoloxía propia. No entanto, tamén destacan que con estas empresas competidoras actúan en moitas ocasións como aliados en desenvolvementos conxuntos. A longo prazo, queren converterse nunha empresa de referencia no desenvolvemento de ferramentas químicas baseadas en fluorescencia aplicadas ao sector do drug discovery.

Fonte: La Voz de Galicia