O grupo construtor ourensán Proyecon ampliará as súas instalacións despois de adquirir a sede doutra construtora, Tuconsa, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, e que leva pechada varios anos. A operación concluíu recentemente e permite á primeira sociedade incorporar un activo que estaba incluído nos bens afectados polo concurso de acredores de Tuconsa, unha compañía que tamén tiña sede en Zamora e que estaba en concurso de acredores desde o ano 2013.
O presidente de Proyecon, Francisco Rodríguez, confirmou que a empresa manterá a súa actual sede do parque empresarial de Pereiro de Aguiar pero que, “por necesidades de espaz”, ampliarase coa recuperación do edificio que foi de Tuconsa “para complementar algunha das nosas actividades, sobre todo investigación e desenvolvemento, conceptos que tamén teñen que estar moi presentes no sector da construcción”.
As antigas dependencias de Tuconsa presentan a imaxe de abandono lóxica tras anos sen actividade e porque o proceso concursal en marcha no seu momento impediu a súa recuperación antes. Os novos propietarios confían en que “non teña moita relevancia” e a medio prazo comezarán as obras de recuperación das antigas dependencias dunha empresa que se fundou en 1983 como construtora especializada en urbanismo, edificación e rehabilitación de edificios.
Pola súa parte, Proyecon naceu en marzo do ano 1988 para exercer no sector da construción tanto en edificación como en obra civil. Na actualidade ten obras en practicamente toda España e o seu presidente valora que o momento “é positivo, aínda que como todo empresario, debo pronunciarme con moita prudencia dada a situación actual”.
A operación permite recuperar un espazo do Parque Tecnolóxico que estaba inactivo. O xerente de Tecnópole, Javier Taibo, amosou a súa satisfacción pola culminación do proceso, “o que nos permite ter pronto máis empresas operativas”. Subliña que cando chegou ao posto, a primavera pasada, impúxose “pór en valor todos os activos e esa segue a ser a miña prioridade dentro do plan estratéxico que trazamos”. Anticipou que “faremos o que estea ao noso alcance para pór en valor calquera proxecto público ou privado que sexa interesante para o Parque Tecnolóxico”.
Fonte: La Región