Proxectos innovadores españois conseguen financiamento europeo para saír ao mercado

Terapias para nenos con defectos cardíacos, sistemas para controlar a calidade da auga en tempo real e patacas melloradas son algunhas das innovacións españolas que contarán co pulo do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Un total de 50 investigacións científicas foron seleccionadas polo ERC para promover o seu impulso no ámbito comercial a través das bolsas denominadas ‘proba de concepto’, de 150.000 euros para cada traballo.

A finalidade das bolsas, que só se outorga a investigacións xa financiadas polo Consello, é comprobar a viabilidade comercial dos resultados das investigacións.

Seis dos proxectos escollidos para estas axudas están liderados por centros españois: o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Institut d ‘Investigació Biomèdica de Bellvitge (Idibell), o Institut de recerca Biomedica (IRB), o Centre Internacional de Mètodes Numèrics en Enginyeria (Cimne) e o Centro de supercomputación de Barcelona. Todas as investigacións se consideran de fronteira, é dicir, innovadoras e arriscadas.

Para o matemático francés Jean-Pierre Bourguignon, presidente do ERC, “a convocatoria fai posible conseguir apoio extra para investigar o potencial innovador das grandes ideas”, e engade que “cada vez son máis os investigadores que ven viable que os seus proxectos se traduzan” en produtos comerciais”.

Os gastos que cobre a proba de concepto van dende a compra de dereitos de propiedade intelectual á investigación das oportunidades comerciais e de negocio, por exemplo, a creación dunha start-up; así como a súa validación técnica a través da realización de ensaios clínicos.

Á primeira rolda da convocatoria presentáronse 182 proxectos, dos que só un 28% conseguiu pasar á seguinte fase. As subvencións concédense a investigadores con sede na UE e dos doce países asociados no Espazo Europeo de Investigación.

(Fonte: SINC)