A detonación da pandemia de covid orientou o ecosistema da investigación sanitaria cara á loita contra o virus e contribuíu á proliferación de estudos para dar resposta a esta ameaza para a saúde. En Galicia hai numerosos proxectos en desenvolvemento, entre eles quince que acaban de obter unha axuda da Xunta de preto de 3 millóns de euros en conxunto para a súa posta en marcha.
Varios están orientados a impulsar técnicas de diagnóstico rápidas do coronavirus, a crear terapias innovadoras para o tratamento da enfermidade e á análise masiva de datos para avanzar no control epidemiolóxico. Cinco das iniciativas están impulsadas polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; dúas pola Fundación Profesor Novoa Santos e outras dúas pola Fundación Biomédica Galicia Sur. O resto parten das universidades de Santiago (4) e A Coruña (2).
Son proxectos científicos que se presentaron á convocatoria realizada polo Instituto de Saúde Carlos III e que, a pesar de conseguir unha avaliación positiva, non lograron financiamento por esgotarse o crédito tras medirse con máis de 1.400 iniciativas. Agora contan con apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) en busca de solucións fronte á pandemia, cun programa que promove a contratación de 43 investigadores.
Este quince proxectos deberán estar rematados antes do 30 de setembro de 2022. A pesar de que para entón se espera que o conxunto da poboación en España estea vacinada, aínda son moitas as incógnitas sobre a duración da inmunidade e a evolución da covid-19. Ademais, tras o vivido, o ecosistema sanitario debe prepararse para enfrontar potenciais pandemias no futuro.
Entre os proxectos que obteñen axuda da Xunta hai máis dun enfocado cara á detección precoz deste virus, mentres outros ten por obxectivo desenvolver unha terapia contra el, unha vacina ou tratamentos. Varios están relacionados coa caracterización clínica e biolóxica da enfermidade. Tamén figuran iniciativas baseadas na intelixencia artificial para a atención e seguimento das persoas afectadas.
Fonte: Diario de Pontevedra