Proxecto para impulsar drones cada vez máis autónomos e con menos control remoto

O futuro en Galicia a vista de dron. Estes pequenos vehículos aéreos sen tripulantes chegaron ao sector tecnolóxico para quedar, co que parece prioritario elaborar fórmulas seguras para a súa circulación e utilidades. Con esta premisa, o Instituto Tecnolóxico de Galicia presentou, xunto a Star Defense Logistics & Engineering (SDLE), a Unidade Mixta de Investigación Fastfly 2035. O proxecto, impulsado pola Xunta, desenvolve a intelixencia artificial, a robótica, a electrónica e as comunicacións co obxectivo de optimizar a seguridade e a viabilidade das operacións con drones.

A principal diferenza estriba no control dos drones. Até agora, este control establecíase de forma remota. O obxectivo do proxecto Fastfly 2035 é, precisamente, facilitar a programación dos voos de drones para mellorar a súa autonomía, co que os voos se efectuarán sen ningún tipo de asistencia.

Ademais da mellora da autonomía destes dispositivos, a iniciativa centrará os seus esforzos na mellora dos puntos de recarga, aterraxe e comprobación autónomos, que se distribuirán en distintas localizacións dun percorrido específico. Grazas á intelixencia artificial, o aparello poderá identificar e tomar terra con máis precisión se se produce algún incidente durante o voo.

Outro dos puntos nos que Fastfly 2035 busca avanzar no relativo a esta tecnoloxía é a xestión da enerxía dos drones, para o que ensaiarán sistemas que, ademais de baterías de litio, incorporen pilas de hidróxeno, o que suporá depender menos dos niños de recarga, menos ruído e menos emisións. A integración controlada dos drones no espazo aéreo é outro dos puntos crave para evolucionar no sector.

A iniciativa, que ten un plan de desenvolvemento con visión a 2035, e un orzamento de 4 millóns, conta cun equipo de traballo de 17 investigadores. Os seus impulsores estiman que pode aumentar o número de operacións diarias dun dron, así como os servizos que pode ofrecer nos ámbitos das emerxencias, a vixilancia ou a protección de incendios.

Fonte: Faro de Vigo