Máis de medio millón de euros ten de orzamento o grupo operativo Proteinleg para tratar de fomentar o cultivo de legumes que son fontes de proteína vexetal. Esta entidade leva xa un tempo traballando para buscar a forma de que plantar xudías, fabas, garavanzos, altramuces e guisantes sexa rendible e, ao mesmo tempo, deseñar novos alimentos, tanto para animais como para consumo humano, que sexan ricos nesa proteína vexetal.
Na iniciativa, de carácter suprautonómico, están implicadas empresas e institucións de Galicia, Andalucía, Madrid e Navarra, entre elas, Almacéns Gamallo, MIMIC SeaFood e Ramiro Arnedo, ademais do Centro Tecnolóxico da Carne e o Consello Superior de Investigacións Científicas.
Explican os responsables desta investigación que en Europa existe un déficit de proteínas de orixe vexetal que rolda o 70%. Iso implica, entre outras cousas, que o sector gandeiro dependa en exclusiva das importacións de soia. A maiores, cada vez son máis os consumidores que esixen alternativas ás proteínas de orixe animal. É por iso que existe unha gran necesidade de fomentar o cultivo de produtos que son fonte natural de proteína vexetal, como son os legumes.
Os investigadores destacan que o cultivo destes alimentos ten, ademais, unha serie de vantaxes. A primeira é que requiren de pouca fertilización, o que os fai especialmente interesantes nun contexto no que o prezo dos fertilizantes non deixa de subir. Ademais, o seu cultivo diminúe a degradación dos terreos. E, por último, forman parte importante da dieta mediterránea.
Cultivos rendibles
Por todo iso faise necesario fomentar o cultivo de xudías, fabas, garavanzos, altramuces e guisantes, co obxectivo de desenvolver novas fontes de alimentos a partir deles. Pero para fomentar este cultivo é necesario, primeiro, lograr que sexan rendibles e eficaces. Por iso a investigación comezou por seleccionar as variedades tradicionais que mellor adaptadas están ao terreo. Posteriormente, tratarase de mellorar a produtividade deste tipo de cultivos, pero sempre cun enfoque sustentable. Para rematar, o proxecto prevé o deseño de novos alimentos ricos nestas proteínas, tanto para animais como para consumo humano, e a validación deses alimentos.
Fonte: La Voz de Galicia