Primux Tech colaborará coa Asociación de Dano Cerebral Adquirido Renacer

A empresa de Tecnópole Primux Tech asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Dano Cerebral Adquirido Renacer para ofrecer condicións especiais aos seus membros e doar equipamento para as persoas que non teñan recursos para adquirilo.

En concreto, mediante este acordo Primux Tech realizará un desconto nos seus produtos a todos os asociados de Renacer Ourense e cederá de forma desinteresada tres tablets de 9,7″ con pantalla IPS para ser utilizadas en Renacer como banco de empréstito para aqueles afectados que non teñan recursos ou para utilizalos nas sesións de rehabilitación.

Así mesmo, dará soporte técnico aos monitores de Renacer mediante talleres ou atención telemática para resolver dúbidas e orientar os monitores nas novas tecnoloxías, tal e como explicou Javier Bordejé, director técnico de Primux tras a sinatura do convenio.

Pola súa banda, a coordinadora de Renacer, Noelia Luque apuntaba que en Renacer sempre traballan co obxectivo de devolver todas as capacidades ás persoas con dano cerebral adquirido e estiman que as novas tecnoloxías poden facilitar que alguén con problemas de memoria, de organización ou da fala dispoña de novos recursos de apoio, como poden ser unha muleta ou unha cadeira de rodas.

Para Primux Tech o motivo de colaborar con asociacións sen ánimo de lucro, como Renacer, que defenden un fin social e tratan de axudar e mellorar a calidade de vida de persoas con algún tipo de afección ou discapacidade, é unha parte da súa filosofía empresarial. “¿ Que é máis lóxico que colaborar con aqueles que invisten o seu tempo, o seu esforzo e os seus recursos en axudar aos demais?”, comentaba José Morán, xerente da empresa.

(Fonte: Primux)