Primux lanza a primeira app gratuíta do mercado para facer os smartphones accesibles ás persoas con graves problemas de visión

A empresa galega Primux Tech acaba de lanzar a primeira aplicación móbil gratuíta do mercado capaz de crear un interface nos smartphones que os fai automaticamente accesibles para as persoas con problemas de visión. O deseño desta app, que xa se pode descargar sen custo na plataforma Google Play para calquera móbil co sistema operativo Android, foi desenvolvido no departamento de I+D+i da compañía, instalado no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense), grazas á iniciativa e á colaboración dun usuario con dificultades de visión.

A aplicación non só adapta o contorno gráfico dos teléfonos intelixentes e engade novas funcionalidades orientadas a este público, senón que conta cun asistente de voz que lle facilita toda a información ao usuario. “Saber canta batería ten o móbil, que hora é ou se hai conexión Wifi e mesmo facer unha chamada pódese converter nun auténtico pesadelo para as persoas con dificultades de visión pero con Primux Blind, só desprazando o dedo pola pantalla, salta un asistente de voz que facilita todas estas tarefas”, explica Daniel Rodríguez, CEO de Primux Tech.

A creación de accesos directos é outra das características da aplicación, coa posibilidade de crear listas cos contactos máis habituais ou coas apps que máis se usan. Ademais, os textos aparecen nun tamaño moito maior e os usuarios poden elixir o contraste de pantalla que se adapta mellor ás súas capacidades. Na liña de Primux de facer accesible a tecnoloxía a todo o mundo, a intención última desta aplicación é evitar o desembolso que supón adquirir un terminal específico.

Innovación aberta

O desenvolvemento da aplicación é froito dun proceso de innovación aberta. O proxecto naceu da demanda que un usuario con problemas de visión lle trasladou á empresa. Durante todo o proceso, este usuario colaborou estreitamente co equipo de I+D de Primux axudándolle a enfocar axeitadamente as prestacións da nova app. “A nivel europeo non atopamos no mercado ningunha aplicación destas características, e moito menos gratuíta”, explican dende a empresa.

A Primux Blind aumenta a oferta da empresa de aplicacións móbiles gratuítas orientadas a facilitar a accesibilidade e a seguridade no uso de smartphones por parte de públicos especialmente vulnerables. A finais de 2014 lanzaba Help Launcher, deseñada para facilitar o uso dos teléfonos intelixentes aos maiores, e en verán de 2015 Help Launcher Kids, unha ferramenta de control parental para garantir a seguridade dos máis pequenos á hora de utilizar os seus móbiles.

(Fonte: Primux Tech)