Primux lanza a primeira aplicación gratuíta desenvolvida en España para facer os smartphones accesibles ás personas maiores

A empresa galega Primux Tech lanzará a primeira aplicación móbil desenvolvida integramente en España capaz de crear un interfaz nos smartphones que os fai automaticamente accesibles para as persoas maiores. O deseño desta app, que estará dispoñible a finais deste mes de decembro, está a ser perfeccionado no departamento de I+D+i da compañía, instalado no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole.

A aplicación, que se poderá descargar sen custo en calquera móbil co sistema operativo Android, adapta o entorno gráfico dos teléfonos intelixentes e engade novas funcionalidades orientadas a este público. “Esta ferramenta mellora substancialmente a usabilidade para calquera persoa non experimentada no uso destes dispositivos”, explica Daniel Rodríguez, CEO de Primux Tech.

A idea xurdiu da experiencia da empresa, fabricante de smartphones e tablets, cos seus clientes de idade avanzada. “Polo xeral, cando queren mercar un móbil atópanse con teléfonos con grandes prestacións complicados de manexar ou con teléfonos demasiado básicos cun deseño desfasado”, expón Rodríguez.

Esta demanda do mercado orixinou o deseño deste software, no que participou un equipo de cerca de 40 persoas e que simplifica as funcións dos terminais intelixentes sen afectarlle ás súas prestacións avanzadas. Deste xeito, as persoas maiores poden manexar un terminal táctil, sen renunciar a facer e almacenar fotos e música, a través de botóns de acceso máis grandes e opcións de navegación máis sinxelas. “Grazas a esta aplicación, o manexo do teléfono será moito máis intuitivo, deixando nun segundo plano as opcións de software de uso secundario”, explica o director de tecnoloxía da empresa.

A aplicación, que foi bautizada co nome Help Launcher, poderá descargarse gratis desde finais deste mes de decembro na PlayStore, o mercado de aplicacións para teléfonos Android.

(Fonte: Primux Tech e Tecnópole)