Primux cambia de imaxe e optimiza a súa política de servizo de atención ao cliente

Primux, a compañía galega de tecnoloxía con departamento de innovación en Tecnópole, ven de renovar a súa imaxe corporativa en liña coa optimización da súa política de atención ao cliente.

Baixo o lema “Be human. Live simple”, José Morán, CEO e cofundador de Primux, explica que “a punto de cumprir 10 anos como empresa, centramos a nosa filosofía para esta nova etapa na simplicidade e a proximidade que sempre puxemos no deseño e desenvolvemento dos nosos dispositivos”.

A inicial da marca, a letra p, é a inspiración para a creación do novo logo. As novas cores corporativas son o verde mint e o azul, que buscan transmitir a imxe fresca, limpa, actual e transparente da marca.

A nova web está desenvolvida co deseño responsive para ofrecer unha visión óptima desde calquera dispositivo. Inclúe seccións nas que dan a coñecer ao detalle cada un dos seus produtos e ao equipo detrás da compañía. A súa sección de soporte e atención ao cliente está deseñada para ofrecer unha experiencia próxima e eficaz.

Tecnoloxía galega

Primux é unha compañía galega capitaneada por Daniel Rodríguez e José Morán, cunha produción de máis de 100.000 dispositivos ao ano. Ademais, conta coa alianza e o respaldo de grandes tecnolóxicas como Microsoft ou Intel.

Fundada en 2006, durante a súa etapa inicial a actividade de Primux centrábase fundamentalmente na produción e deseño de fontes de alimentación para PC, caixas de ordenadores e periféricos. Tras observar o crecemento da demanda de novos produtos e dispositivos, decidiron lanzar o seu primeiro modelo de tablet. “Vimos a boa acollida que tiveron as tablets e preguntámonos ¿por que non ir un paso máis alá?” comenta Daniel Rodríguez, CEO e cofundador de Primux, que explica a súa entrada no mercado de tablets e smartphones para ofrecer “produtos diferentes e de calidade, deseñados e desenvolvidos en España a un prezo asequible”.