Investigadores da Universidade de Washington inventaron un teléfono móbil sen batería que recolecta os poucos microvatios de potencia que require de sinais de radio ou a luz do ambiente. O equipo tamén fixo chamadas de Skype usando o seu teléfono sen batería, demostrando que o prototipo feito de compoñentes comerciais dispoñibles pode recibir e transmitir voz e comunicarse cunha estación base.
A nova tecnoloxía detállase nun artigo publicado o 1 de xullo en Proceedings of the Association for Computing Machinery on interactive, Mobile, Wearable and Ubiquitous Technologies.
“Construímos o que cremos que é o primeiro teléfono móbil que consume case cero enerxía”, dixo nun comunicado o coautor Shyam Gollakota, profesor asociado da Escola Paul G. Allen de Ciencias da Computación e Enxeñería da UW.
“Para lograr o extremadamente baixo consumo de enerxía que necesita para funcionar un teléfono mediante a recolección de enerxía do medio, tivemos que fundamentalmente repensar a forma en que estes dispositivos están deseñados”.
O equipo de científicos e enxeñeiros eléctricos de UW eliminou un paso de elevada necesidade enerxética na maioría das transmisións celulares modernas, o de converter sinais analóxicos que transmiten o son a datos dixitais que un teléfono pode entender. Este proceso consume tanta enerxía que foi imposible deseñar un teléfono que poida confiar en fontes de enerxía ambiental.
Por outra banda, o teléfono móbil sen batería aproveita as pequenas vibracións no micrófono ou o altofalante que se producen cando unha persoa está a falar nun teléfono ou escoitando unha chamada.
Unha antena conectada a eses compoñentes converte ese movemento en cambios no sinal de radio analóxico estándar emitido por unha estación base celular. Este proceso codifica esencialmente os patróns de fala nos sinais de radio reflectidos dun xeito que non usa case ningunha enerxía.
Prototipo
Para transmitir voz, o teléfono utiliza vibracións do micrófono do dispositivo para codificar patróns de voz nos sinais reflectidos. Para recibir voz, converte sinais de radio codificados en vibracións de son que son capturadas polo altofalante do teléfono. No prototipo de dispositivo, o usuario pulsa un botón para cambiar entre estes dous modos de “transmisión” e “escoita”.
O teléfono sen batería aínda require unha pequena cantidade de enerxía para realizar algunhas operacións. O prototipo ten un presuposto de potencia de 3,5 microvatios.
Os investigadores da Universidade de Washington demostraron como recolectar esta pequena cantidade de enerxía de dúas fontes diferentes. Nun caso, o prototipo de teléfono sen batería pode funcionar coa enerxía de sinais de radio ambientais transmitidos por unha estación base ata 10 metros de distancia.
No outro, usando a enerxía recolectada da luz ambiental cunha diminuta célula solar, aproximadamente do tamaño dun gran de arroz, o dispositivo puido comunicarse cunha estación base que estaba a máis de 15 metros de distancia.
(Fonte: EP)