Científicos españois e brasileiros crearon un novo tipo de cemento a partir de cinza de óso de oliva e escoura procedente de altos fornos. Trátase do primeiro cemento fabricado en todo o mundo no que todos os materiais usados son residuos, o que o converte nunha alternativa moito máis sustentable respecto ao utilizado actualmente no sector da construción.
Investigadores da Universidade Politécnica de Valencia (UPV) e a Universidade Estadual Paulista (UNESP) de Brasil desenvolveron un novidoso cemento usando dous tipos de residuos: cinza de óso de oliva e escoura orixinada en altos fornos.
Segundo os seus creadores, é o primeiro cemento fabricado ata agora no que todos os materiais empregados son residuos, o que o converte nunha alternativa moito máis sustentable respecto aos cementos que se usan no sector da construción. O traballo publicouse na revista Materials Letters.
“Este novo cemento destaca especialmente pola súa baixa pegada de carbono; o seu impacto, en termos de efecto invernadoiro, é moi inferior se se compara cos cementos utilizados actualmente. Ademais, este traballo abre unha nova vía de negocio para o aproveitamento e valorización enerxética dunha biomasa, como é o caso dos ósos de oliva, así como dos residuos dos altos fornos”, sinala Jordi Payá, investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía do Formigón (ICITECH) da UPV.
Para a súa fabricación, o proceso é moi sinxelo. “Móense o residuo da combustión dos ósos de oliva e a escoura, establécese a dose axeitada dun e outro e mestúrase todo con auga”, explica Jordi Payá. Nas probas realizadas ata o momento, o cemento contiña aproximadamente un 20% de cinza de óso de oliva e un 80% de residuos de escoura.
Grandes prestacións
O cemento de activación alcalina fabricado polos investigadores da UPV e a UNESP presenta tamén moi boas prestacións mecánicas: permite obter resistencias suficientemente elevadas para a súa aplicación en construción (uns 300 kg/cm2 a compresión), especialmente en prefabricados.
Entre as súas novidades, os investigadores resaltan a substitución do reactivo químico de síntese (de prezo elevado e cunha significativa pegada de carbono) necesario noutros cementos de activación alcalina investigados anteriormente, pola cinza de óso de oliva. Ademais, na preparación destes cementos non se require de altas temperaturas, tal e como acontece co cemento Portland, onde son necesarias temperaturas superiores a 1400º C.
O desenvolvemento -a escala de laboratorio- deste novo produto é o último resultado do traballo que dende hai case 10 anos leva a cabo o grupo de investigación en Química dos Materiais de Construción do ICITECH-UPV, centrado na obtención de cementos alternativos que non conteñen clinker de cemento Portland: os cementos activados alcalinamente. Os devanditos cementos constan dun sólido en forma de po (precursor) e un reactivo químico disolto en auga (activador alcalino).
“Este é o primeiro exemplo a nivel mundial no que se fabricou un cemento de activación alcalina onde soamente se requiren materiais procedentes de residuos. O noso traballo céntrase agora en mellorar a formulación para obter mellores prestacións mecánicas e estudar a súa durabilidade e opcións de aplicación”.
(Fonte: SINC)