Os cadros de persoal das empresas tecnolóxicas de Galicia están formados nun 67% por homes e nun 33% por mulleres, aínda que nos últimos anos estase a experimentar un cambio de tendencia, ao medrar a maior ritmo o emprego feminino que o masculino.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) analizados polo Observatorio da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), o sector tecnolóxico empregaba a un total de 8.983 mulleres en 2022, o que supuxo un crecemento dun 5,5% con respecto a 2021. No caso dos homes tamén houbo crecemento no emprego, pero foi do 5%.
En canto aos estudos superiores, tamén segue a ser inferior a presenza de mulleres nas carreiras relacionadas coas enxeñarías e a arquitectura, nas que representan o 26,9% do alumnado. O dato contrasta coa situación xeral no sistema universitario, no que máis do 55% do alumnado son mulleres.
Sen fenda dixital na cidadanía
No que se refire ás habilidades dixitais da cidadanía, a fenda dixital non é perceptible en Galicia. O informe Mulleres en Dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero, que publica o Osimga, indica que a porcentaxe de mulleres que declaran que accederon á Internet nos últimos tres meses é dun 89,6%, seis décimas máis que no caso dos homes. Ademais, un 91,5% das mulleres declarou que utiliza dispositivos electrónicos, fronte ao 90,8% dos homes.
Fonte: Código Cero