“Cartivator”, un grupo emprendedor formado por 30 enxeñeiros, entre os que se inclúe algúns empregados de Toyota, comezou a desenvolver o coche voador alcumado “SkyDrive” en 2014 a través de financiamento colectivo. Os enxeñeiros esperan que o seu coche voador se converta no vehículo eléctrico máis pequeno do mundo e poida ser usado en pequenas zonas urbanas e comercializado en 2025.
O xefe de Cartivator, Tsubasa Nakamura, explicou que aínda que o automóbil aínda está na etapa inicial de desenvolvemento, o grupo espera realizar o seu primeiro voo dirixido por unha persoa a finais do 2018. Durante a demostración, o modelo de proba logrou despegar e flotar sobre o chan durante uns segundos.
Nakamura confirmou que o deseño necesita máis estabilidade para que o prototipo poida estar listo para voar o suficientemente alto como para acender a lapa olímpica.
O mes pasado, Toyota Motor e o seu conglomerado de empresas decidiron investir 42,5 millóns de iens (341.115 euros) no proxecto durante os próximos tres anos. Nakamura explicou que o equipo está a traballar duro para mellorar o deseño e recibir máis fondos da compañía.
Empresas de todo o mundo compiten por desenvolver o primeiro coche voador. Uber Technologies Inc anunciou o seu plan de lanzar o seu primeiro servizo de taxi voador en 2020 e Airbus Group está a traballar no tema na súa división Urban Air Mobility.
Non obstante, os fabricantes de coches voadores aínda se enfrontan a moitos desafíos, entre eles convencer aos reguladores e ao público de que os seus produtos son seguros, nun contexto en que moitos gobernos teñen problemas para definir as normas de uso de drons e coches autónomos.
(Fonte: EP)