Presentado en Tecnópole o selo de certificación de calidade de pellets e estelas producidos a partir de biomasa galega

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou en Tecnópole que Galicia Calidade certificará a orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega. Así, e grazas á colaboración do CIS-Madeira, resaltou, a Comunidade contará cun selo que garantirá a trazabilidade e a calidade deste combustible feito en Galicia.

“Deste xeito, non só incluímos a biomasa galega no catálogo de produtos excelentes, senón que garantimos que particulares, empresas e institucións empreguen recursos procedentes do monte galego, procesados de maneira responsable, e coa mellor calidade e potencia calorífica”, indicou o conselleiro durante o acto de inauguración do Foro da Biomasa de Galicia, ao que engadiu que o selo potenciará o posicionamento do produto galego ante o incremento da demanda.

A creación deste selo, explicou Conde, encádrase no contexto da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa Forestal que está promovendo o Goberno galego, e que prevía a constitución do Foro da Biomasa como “mecanismo aberto e participativo” no que impulsar a cooperación e identificar novas oportunidades de negocio, innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

“O Foro que hoxe poñemos en marcha abre unha liña de diálogo fluído e permanente que nos permitirá seguir camiñando xuntos na mellora competitiva desta industria”, expuxo o conselleiro, quen subliñou a súa importancia de cara a fomentar a cooperación público-privada garantindo o desenvolvemento da Estratexia.

Esta estratexia persegue “configurar unha industria xeradora de riqueza con novas oportunidades de crecemento”, aseverou Conde. Neste sentido, destacou a aposta, tanto do sector como das administracións, por unha industria que abarca toda a cadea de valor do produto, que permite crear emprego no rural e que está en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3, e coa Axenda da Competitividade Industrial Galega, Galicia-Industria 4.0.

No desenvolvemento desta Estratexia, explicou Conde, Ourense está chamado a ocupar un lugar destacado, tanto pola importancia do seu recurso forestal, como polas diferentes iniciativas que desde o Parque Tecnolóxico de Galicia e o resto do tecido industrial se están impulsando.

Incremento da demanda

Neste escenario, o titular de Economía e Industria resaltou a orde de axudas para a implantación de caldeiras de biomasa. Un programa que está contribuíndo a conseguir unha maior demanda deste combustible, impulsando en 2014 a instalación de arredor de 400 novas caldeiras nos fogares galegos, 120 equipos nas empresas e outros 80 entre concellos e administración pública autonómica.

“Deste xeito, contribuímos ao incremento da demanda cunha maior implantación de caldeiras, que supoñen un maior mercado para pellets e estelas, e unha maior oportunidade para seguir desenvolvendo proxectos de innovación que permitan mellorar as caldeiras e os procesos”, sinalou. Así, e ante a boa acollida da liña, apuntou Conde, a Xunta manterá en 2015 o compromiso presupostario cunha nova orde que destinará 9,3 millóns para seguir promovendo a instalación de equipos de biomasa.

“Este incremento da demanda debe producirse da man dunha clara aposta pola innovación”, apuntou o conselleiro, resaltando neste campo a colaboración do CIS-Madeira para propiciar novos proxectos que incrementen a capacidade innovadora da industria; o esforzo da Consellería do Medio Rural e do Mar, que está apoiando unha xestión forestal sustentable con liñas de mellora do aproveitamento forestal; e o propio compromiso da Consellería de Economía e Industria.

Así, destacou Conde, un ano máis as convocatorias do Igape e da Axencia Galega de Innovación priorizarán aqueles proxectos que teñan que ver coa biomasa. Unha aposta que permitiu xa impulsar distintos proxectos que están mobilizando máis de 20 millóns de euros.

(Fonte: Xunta de Galicia)