Premio para a start-up galega Help Flash pola súa luz de alerta

A empresa tecnolóxica Help Flash, star-up galega, gañou o premio da III edición do concurso Emprendedores e Seguridade Vial de Fundación Liña Directa co seu produto, unha luminaria para sinalizar avarías ou accidentes e, así, evitar atropelos.

O dispositivo está imantado, de forma que se pode adherir á carrocería do vehículo, á barreira quitamedos ou a outras superficies, e emite escintileos de luz ámbar visibles a 1 quilómetro de distancia, co fin de avisar da situación do vehículo cando este sofre un accidente ou se ve obrigado a estacionar na beiravía debido a unha avaría, segundo explicaron os organizadores do concurso. Como parte do galardón, o proxecto recibirá unha dotación económica de 20.000 euros netos a fondo perdido baixo unha política de “arrastre” (coinvestimento). Ademais, obterá formación e mentoring a través de diferentes accións enfocadas á potenciación e ao desenvolvemento de competencias para o éxito do seu proxecto de emprendemento.

Ademais, nunha fase posterior do desenvolvemento do proxecto, a Fundación para a Innovación Bankinter e IESE Business School ofrecerán unha análise exhaustiva do proxecto, unha reunión cos emprendedores e unha retroacción construtiva sobre este, ademais de valorar o seu acceso a roldas de financiamento en función da madureza do proxecto.

(Fonte: El Correo Gallego)