Segundo José Baselga, director médico do Memorial Sloan Kettering Cancer Center de Nova York e nominador de Sawyers, a contribución dos tres premiados representa “o nacemento da medicina personalizada contra o cancro”. A acta do xurado destaca que “o premio recoñece a contribución de tres eminentes científicos que percorreron todo o camiño”, dende os descubrimentos máis básicos dos inicios ata as aplicacións clínicas que hoxe salvan vidas”.
Estes novos fármacos, aprobados ao longo da última década, diferéncianse da quimioterapia tradicional en que atacan especificamente os mecanismos que causan cada cancro, e en consecuencia son menos tóxicos para o paciente. Son os primeiros que resultan do coñecemento profundo da bioloxía do cancro, e non de probas xenéricas de actividade de moléculas. O imatinib, aprobado en 2001, inaugurou esta nova clase de fármacos convertendo a leucemia mieloide crónica, practicamente letal ata entón, nunha enfermidade case sempre tratable. Agora xa existen varias decenas destes fármacos alcumados ‘diana’, que se usan en máis tipos de cancro como pulmón, mama, melanoma e linfomas.
En concreto Tony Hunter, no Instituto Salk, abriu o campo co descubrimento, en 1979, das tirosina quinasas, unha familia de proteínas indispensables en multitude de procesos celulares vitais como a proliferación ou o metabolismo. Pouco despois Joseph Schlessinger descubriu como se activan estas tirosina quinasas. E posteriormente Charles Sawyers desvelou como interferir na súa actividade cando mudan “permitindo a transferencia clínica destes conceptos básicos ao tratamento do cancro” prosegue a acta.
Dado que moitos cancros humanos se deben precisamente a mutacións relacionadas coa actividade das tirosina quinasa, estas proteínas e as moléculas coas que interaccionan convertéronse en dianas terapéuticas. Segundo a acta, estímase que, na actualidade, aproximadamente un terzo dos esforzos de investigación e desenvolvemento no campo farmacéutico corresponden ao estudo dos receptores de tirosina quinasa e os seus patróns de sinalización para terapias contra o cancro”.
(Fonte: Fundación BBVA)