Premiados os impulsores da aprendizaxe das máquinas

Recoñecemento á capacidade das máquinas por pensar. O Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento na categoría de Tecnoloxías da Información e a Comunicación foi concedido onte a Isabelle Guyon, Bernhard Schölkopf e Vladimir Vapnik, polas súas «contribucións fundamentais á aprendizaxe automática». 

Segundo a acta do xurado, os tres galardoados lograron que os ordenadores sexan capaces de recoñecer patróns en grandes cantidades de datos, e poder así clasificalos en categorías. Trátase dun proceso no que a máquina aprende a partir de numerosos exemplos. 

Os métodos que desenvolveron estes científicos en intelixencia artificial están a contribuír á «transformación do noso mundo cotián, mellorando campos tan diversos como o diagnóstico médico, a visión por ordenador, o procesamento da linguaxe natural e a vixilancia do cambio climático». Todos eles, segundo engade a acta, levaron a cabo de xeito conxunto unha investigación que transcende as fronteiras tradicionais das ciencias da computación, e merecen figurar entre os innovadores de maior impacto a escala mundial. 

Grazas ás súas contribucións, os ordenadores poden na actualidade «ser adestrados» para clasificar conxuntos de datos cunha precisión humana ou, en ocasións, ata mellor. Esta capacidade de aprendizaxe permítelles recoñecer dende a voz e a escritura ata rostros e mesmo se utilizou en astrofísica para lograr o achado de 21 novos exoplanetas. 

Fonte: ABC