Premiados en Londres os vermús de Bodegas Lodeiros, empresa de “Galicia Avanza”

Bodegas Lodeiros é unha das empresas beneficiarias da cuarta edición do programa de internacionalización “Galicia Avanza”. É unha adega centenaria situada en Santiago de Compostela, especializada na elaboración artesanal de vermú galego premium, e moi comprometida coa sustentabilidade e a identidade cultural.

A adega galega vén de lograr un importante recoñecemento no International Wine Challenge 2026, un dos concursos de viños máis prestixiosos do mundo, que se celebra en Londres. Expertos internacionais avalían, mediante catas a cegas, a calidade de viños de máis de 50 países. Os vermús de Bodegas Lodeiros lograron tres medallas de prata neste certame, converténdose ademais na única marca de vermú galardoada.

O mellor valorado foi o seu vermú vermello, que alcanzou un total de 94 puntos sobre 100, quedando a tan só un punto do ouro. A el súmanse o vermú vermello sen azucres engadidos, con 93 puntos, e o vermú branco, que conseguiu 90 puntos. “Este recoñecemento chega nun momento clave para Bodegas Lodeiros, que mantén o seu compromiso cunha elaboración ligada á identidade galega, combinando tradición e unha aposta sostida por prácticas responsables” -manifesta o CEO da empresa, Pablo Lodeiros-. Destaca que “esta distinción, recibida nunha contorna internacional tan esixente, supón un respaldo ao traballo do equipo e ao percorrido da marca no desenvolvemento de vermús con carácter propio”.

Os responsables da adega galega poñen de relevo que “a obtención destas medallas reforza tamén o interese crecente polos vermús de calidade dentro do panorama gastronómico actual, onde a coctelería, o aperitivo e os produtos con orixe definida gañan protagonismo tanto na hostalaría como entre os consumidores”.