Ponse en marcha a campaña “Fagamos entre todos Tecnópole virus-free”

Tecnópole puxo en marcha unha campaña baixo o lema “Fagamos entre todos Tecnópole virus-free”, que busca lograr un parque libre de coronavirus e adaptado á nova normalidade.
 
Tal como explica o director xerente do Parque, Ricardo Capilla, “ante a inminente e progresiva incorporación presencial ás oficinas e postos de traballo prevista para as próximas datas, estase a reforzar a limpeza e desinfección das zonas comúns, ascensores e baños dos edificios públicos de Tecnópole: CEI, Tecnópole I  e Tecnópole II. Ademais, o Parque adquiriu dispensadores de xel hidroalcohólico, que están a disposición de todos os traballadores de Tecnópole nos baños nos citados edificios”.
 
Desde o Parque lembran ademais a obrigatoriedade de usar mascarillas en zonas públicas, en particular nos espazos comúns dos devanditos edificios, ao non poder garantir en todo momento que se poida respectar a distancia mínima social requirida cando coincidan dúas ou máis persoas nos corredores ou nas escaleiras dos mesmos.
 
Carteis informativos
 
No marco desta campaña, deseñáronse unha serie de carteis informativos, que se colocarán en lugares estratéxicos do Parque. Inciden na conveniencia de seguir as normas hixiénicas de prevención, así como na recomendación do uso individual tanto dos baños como dos ascensores, neste caso empregalos só cando sexa imprescindible.
 
En relación ao correcto lavado das mans, explícase que cómpre seguir determinados pasos: frotar as palmas, entre os dedos, palma por riba de palma, entrelazando os dedos, frotar o polgar e, por último, frotar o pulso.
 
Así mesmo, destácase a importancia de non deterse nos espazos comúns formando grupos; manter sempre a distancia de seguridade de dous metros; evitar tocar superficies susceptibles de contaminarse como puntos de luz, botóns dos ascensores, pasamáns ou buzóns e non apoiarse en parámetros verticais. Tamén se lembran os principais síntomas da enfermidade, así como os consellos máis relevantes de prevención fronte ao virus.
 
Fonte: Tecnópole