O Concello de Sanxenxo puxo en marcha unha iniciativa de vixilancia e seguridade con drons nas praias máis concorridas das Rías Baixas para asegurar o mantemento das medidas de protección ante a crise sanitaria da Covid-19. Esta nova actuación supón un paso máis no mantemento da seguridade, despois de que as parcelas colocadas na praia de Silgar, establecidas para manter efectiva a distancia entre usuarios, fosen rexeitadas polos bañistas nos primeiros días de sol e altas temperaturas.
A presentación oficial do proxecto AeroCovid realizouse na praia de Areas. No acto estaban presentes o alcalde, Telmo Martín; o director executivo da empresa Aerocámaras, encargada de desenvolver o devandito proxecto, Jaime Pereira Gil; e policías locais, previamente formados pola compañía como pilotos profesionais de drons. Así, presentaron as vantaxes e funcionamento deste novo sistema de vixilancia e seguridade.
O plan AeroCovid foi realizado pola empresa Aerocámaras en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Os drons permiten facer un reconto das persoas presentes nun determinado espazo e medir a distancia existente entre elas. Durante o acto de presentación destacouse a versatilidade de uso e aplicacións deste tecnolóxico método, xa que pode ser empregado para o rescate de persoas, a vixilancia de eventos multitudinarios ou a realización de avaliacións de risco e vixilancia en materia urbanística. Así, esta ferramenta tamén poderá ser utilizada para a supervisión nocturna, facilitando desta forma o traballo de seguridade e vixilancia das forzas locais tanto en espazos naturais como no medio urbano.
AeroCovid funciona seguindo unha serie de pasos: en primeiro lugar, os drons realizan unha análise da situación. A persoa encargada do seu manexo define a área de actuación, o aforamento máximo da zona, os períodos de vixilancia e as rutas de voo. Para continuar determínase o seu planeo, calculando a ruta máis axeitada, os ángulos de gravación e as distancias que cubrirá o aparello. O reconto de persoas realízase tomando imaxes de alta calidade, dispoñibles en tempo real para as autoridades responsables da vixilancia. En canto á privacidade dos cidadáns implicados, cuestión que podería chegar a suscitar certa polémica, o sistema difumina, de maneira automática e inmediata, os rostros das persoas presentes nas imaxes que se toman, gardando desta forma o anonimato.
Un dos valores fundamentais e a destacar dos aparellos non tripulados é a súa flexibilidade de voo. Segundo indica a empresa “esta característica facilita acceder a lugares de difícil acceso, permitindo un sistema de patrullaxe exhaustivo e unha efectividade superior a outros sistemas”. Este método de vixilancia necesita pouco persoal operativo, por tanto, segundo informa Aerocámaras, “suporá un aforro significativo de gastos en materia de vixilancia e seguridade”.
Páxina web
Os usuarios poderán consultar todos os datos das praias en tempo real na páxina de AeroCovid. A web contén información de utilidade como a porcentaxe de ocupación das praias, o tipo de ondada, vento e temperatura presente. Así poderanse ver os informes de 15 areais da zona. Entre as opcións de visualización para os cidadáns tamén se presentan numerosas imaxes, opción de acceso a un streaming e un mapa para poder localizar a zona.
Fonte: El Progreso