En 2019 a eólica aumentou en España en 2.243 megawatts (MW), situando o total instalado en 25.704 MW. Esta nova potencia pertence, principalmente, a proxectos resultantes da primeira e segunda poxa de 2017, pero tamén a plantas que operan a prezos de mercado, sen primas. Así figura no Anuario Eólico 2020 que fixo público a Asociación Empresarial Eólica (AEE), onde realiza unha análise da situación desta fonte renovable en España e o mundo.
Máis dun gigavatio (GW) da nova potencia (o 49,1 % do total) corresponde a parques en Aragón. Do resto , uns 1.141 megawatts repártense entre 461 MW en Castela e León, 416 en Galicia, 124 en Andalucía, 85 en Navarra, 39 en Estremadura e 16 MW en Canarias. Estremadura entrou co seu primeiro parque no club de comunidades eólicas.
A autonomía con maior potencia instalada continúa a ser Castela e León, cunha cobertura da demanda eléctrica do 80 %. Séguenlle Castela A Mancha cun 67,6 %, A Rioxa cun 64 % e Navarra cun 46 %. Á cola están Madrid, Ceuta, Melilla e Baleares.
España é líder en xeración eólica e é o país que máis potencia onshore -en terra- instalou ao longo de 2019 na UE. Esta enerxía renovable achegou o 20,8 % da electricidade consumida o ano pasado (en 2018 foi un 19 %), e grazas á súa utilización evitáronse emitir á atmosfera 28 millóns de toneladas de CO2 e importar 10,7 millóns de toneladas de cru.
Fonte: El Correo Gallego