Poñámonos en antecedentes. O enxeñeiro Stephen Thaler crea unha intelixencia artificial á que chama Dabus AI. Este algoritmo deseña por si só dous novos produtos: un colector industrial e unha lámpada. Ambos os dous inventos son susceptibles de ser patentados, pero Thaler decide facer o rexistro a nome Dabus AI. ¿Resultado? Nin Reino Unido nin Europa nin Estados Unidos aceptan a solicitude. A intelixencia artificial non pode patentar. Así de rotundo. Basicamente porque non é unha persoa, pero nun escenario onde esta tecnoloxía será a responsable de cada vez máis invencións, ¿está a quedar obsoleto o sistema de propiedade industrial e intelectual?
Partimos de que non hai un mesmo sistema para todos os países e que “España vai a contracorrente do resto do mundo”, sinala Borja Adsuara, avogado experto en dereito dixital. Aquí a propiedade industrial protéxese mediante as patentes e as marcas, mentres que a intelectual se regula con dereitos de autor. En Estados Unidos, por exemplo, o software si que se pode patentar, pero non en Europa. “Optouse polo sistema de dereitos de autor porque se lle deu o mesmo tratamento que a unha obra literaria”, explica. “O cacao é tremendo”.
Dentro desa lea, xorde agora un cambio tecnolóxico (e social) que formula novas cuestións de base. Independentemente de se a fórmula é a patente ou a propiedade intelectual, ¿que pasa cando o creador dun invento é unha máquina? “As lexislacións actuais non consideran esa posibilidade”, comenta José Carlos Erdozain, avogado experto en propiedade intelectual de PONS IP. Aínda que puntualiza que “o dereito se move”. “Algo que nun momento histórico determinado podía parecer incrible, anos despois convértese en realidade”. Pense no voto, os dereitos da muller, o divorcio, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo…
Neste caso tamén se produciría un “cambio fundamental”. E é que rompería un dogma tan sinxelo como que o autor ou inventor de algo debe ser unha persoa física. Nin sequera as persoas xurídicas teñen este dereito. Se se aceptase na intelixencia artificial, “partiriamos da base de que rendemos contas ás máquinas”.
“O que marca a diferenza entre unha resposta preprogramada e unha reacción humana espontánea é a clave para actualizar o estatus dos robots e establecer unha norma”, apuntaba Erdozain nunha conferencia recente en Xapón. “Estariamos de acordo en que a resposta da intelixencia artificial a un estímulo externo estaría programada”. E engadía: “Pero igual que os humanos tamén fomos previamente educados”.
Xa é posible que un software, programado cun número de respostas prestablecidas, poida aprender e facer unha dedución propia cando se atopa con algo que o seu desenvolvedor non tivera en conta. Todo grazas ás chamadas redes neuronais que imitan o comportamento do cerebro humano. Nacen así novas intelixencias artificiais que compoñen melodías, escriben artigos, pintan cadros… É cuestión de tempo que se estenda o seu uso, pero ¿é isto creatividade?
“Hai moitos tipos de creatividade”, destaca Richard Benjamins, Data & AI Ambassador de Telefónica. “As innovacións disruptivas como as de Einstein e as que collen algo que xa existe e conseguen facer unha combinación nova”, agrega. A intelixencia artificial, hoxe por hoxe, non é capaz de substituír a mente do físico alemán, pero si de tomar patróns e xerar novas propostas. Aínda que, matiza Benjamins, “non sabe o que está a facer, non ten conciencia da materia”. Aquí ábrese outra cuestión que non só atinxe ás máquinas: ¿para crear fai falta conciencia?
“O home diferénciase dos animais en que é capaz de crear. Esta é a orixe da propiedade industrial, coas ferramentas; e da intelectual, coas pinturas rupestres”, argumenta Adsuara. “O dereito mesmo é unha creación humana”, engade. “Unha máquina non ten capacidade de creación por si mesma, non faría nada se non fose programada anteriormente”, afirma. “Mesmo aínda que haxa aprendizaxe profunda, polo menos, por agora”.
O experto defende que calquera obra de creación que xurda da máquina debe atribuírse ao humano, xa sexa o seu creador, o seu usuario ou o responsable do adestramento con datos. A lei británica xa ten esta consideración en conta, de momento, nas creacións artísticas. Erdozain fai referencia ao UK Copyright, Design and Patents Act que establece que “no caso dun traballo literario, dramático, musical ou artístico xerado por ordenador, a autoría debería ser da persoa que se encargou dos arranxos necesarios para a creación do traballo”. Esta norma tamén especifica que o ‘traballo xerado por ordenador’ é aquel “que leva a cabo unha computadora en circunstancias nas que non hai ningún humano autor do traballo”.
Persoa electrónica
Existe un concepto a debate que podería dotar de personalidade xurídica ás máquinas: o de persoa electrónica. De feito, un dos grandes freos á hora de recoñecer dereitos á intelixencia artificial é de quen é a responsabilidade das súas accións. Trátase, en poucas palabras, dunha cuestión de seguridade xurídica. De momento quen asume as consecuencias é a empresa ou persoa que hai detrás. De feito, este é un dos rompedeiros de cabeza de todos os axentes envolvidos no desenvolvemento do coche autónomo.
A figura de persoa electrónica permitiría conceder esa personalidade xurídica á intelixencia artificial e dotala de seguridade “a certos efectos”. Os máis escépticos deben recordar que ‘persoa’ non é sinónimo de ‘ser humano’, polo menos como concepto legal. “Igual que existe a persoa física e a xurídica, podería existir a electrónica”. “Non sería un ser humano, da mesma forma que El Corte Inglés non o é”.
Esta fórmula resolvería tamén os ‘impostos aos robots’. Benjamins fala dunha opción que está sobre a mesa e que contempla que as máquinas ‘garden’ unha porcentaxe de cada beneficio que xeran. Así, se se lles responsabiliza de algo, poden pagar a indemnización co fondo aforrado.
“Ao final acabaremos volvendo ao Dereito romano”, conclúe Adsuara. Ao seu xuízo, “se as maquinas algún día teñen dereitos, estes corresponderán aos amos, igual que os dos escravos en Roma”. “O dereito é unha creación humana e o suxeito do dereito é o ser humano, o resto, como poden ser as máquinas ou os animais, só son obxectos de dereito”.
(Fonte: La Razón)