Piden o uso de drons para detectar o maltrato animal

A Asociación Animalista Libera quere que o uso de drons, actualmente normalizado para a prevención de incendios durante o verán en Galicia, se estenda a outras loitas e contribúa a pór fin a unha das prácticas máis crueis e denigrantes que sofren os animais, «o encadenamento continuado».

A Lei de Benestar Animal de Galicia contempla sancións de ata 5.000 euros e a inhabilitación por un máximo de cinco anos para aquelas persoas que manteñan a un animal atado de forma permanente ou limite os seus movementos en toda clase de construcións, como os zulos para cans que adoitan empregar algúns cazadores; «con todo a realidade é que de cando en cando se multa», di a Asociación.

Os animalistas chegaron a documentar máis de 500 denuncias cidadás a través dunha páxina web que permitía incorporar vídeos e fotografías de forma anónima e xeolocalizar cada caso, o que suporía centos de sancións se o executivo autonómico fixese cumprir a súa propia norma.

Libera! considera que o uso de drons con cámaras termográficas podería ser unha boa solución. Permiten realizar gravacións en varios días diferentes sen xerar alerta na persoa que mantén encadeado ao animal, constituíndo unha proba gráfica da infracción administrativa. A gravación, ademais de proba, podería ser empregada mesmo para que profesionais veterinarios realizasen informes adicionais avaliando o comportamento de cada animal e as consecuencias derivadas de permanecer atado.

Xunto a iso o modelo de vixilancia impide xerar o chamado «Pacto de silencio», a falta de colaboración veciñal á hora de denunciar actos de malos tratos ou abandono animal que se vén reproducindo en decenas de casos.

Fonte: La Voz de Galicia