PharmaMar segue a preparar a fase 3 de desenvolvemento do seu fármaco contra o coronavirus

A compañía galega PharmaMar segue a traballar para poder empezar coa fase 3 de ensaio clínico no desenvolvemento do Aplidin, o fármaco contra o coronavirus que prevén ter listo o vindeiro ano. A empresa que capitanea José María Fernández Sousa recrutará nas próximas semanas aos voluntarios nos que se vai probar o medicamento.

Tratarse dun fármaco que é, segundo os estudos, 30 veces superior na súa potencia ao Remdesivir, o fármaco que, xunto coa dexametasona, está a ser o máis utilizado para tratar de curar aos contaxiados. Ademais de ser máis potente, o Aplidin reduce antes a presenza do virus no organismo e permite unha mellor recuperación.

A chegada ao mercado do Aplidin, esperada “se todo vai ben” para o vindeiro ano, revolucionaría un mercado que, de acordo cos ensaios que se realizaron até o momento, non conta cun medicamento que producise beneficios notorios na mortalidade. Non en balde, un dos estudos máis importantes que se fixo até a data, o ensaio Solidarity, publicado na revista BMJ, antes coñecida como British Medical Journal, evidenciou que “ningún dos catro medicamentos estudados (para o seu uso na pandemia da COVID-19), produciu ningún beneficio medible na mortalidade ou no curso da enfermidade”. A continuación engade que “isto inclúe Remdesivir, un medicamento xa recomendado por varias pautas e organizacións en todo o mundo”.

De acordo coas conclusións do estudo, o resto de alternativas “pareceron ter pouco ou ningún efecto sobre a mortalidade aos 28 días”. E engade que “ningún dos fármacos atrasou a necesidade de ventilación nin acurtou a estancia dos pacientes no hospital”. De feito, ao fío destas conclusións, a Organización Mundial da Saúde afirmou que “para cada fármaco do estudo, o efecto sobre a mortalidade foi decepcionantemente pouco prometedor”.

O epidemiólogo da Universidade de Oxford Martin Landray lembrou tamén o elevado custo de cada viario de Remdesivir, que ao ter que administrarse durante cinco ou dez días, podería disparar o tratamento por enriba dos 2000 euros. Fronte a isto, PharmaMar segue coa súa carreira para pór no mercado un fármaco que requiriría menos dose (unha en caso de pacientes non graves) e que, segundo os creadores, sería eficaz contra todas as novas variantes do coronavirus.

Fonte: El Correo Gallego