A Asociación Síndrome de Down – Down Ourense celebrou unha xornada científica e de lecer en Tecnópole. Un grupo de persoas usuarias da entidade desfrutou dunha serie de actividades na Aula Newton Galicia instalada no Parque. Esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas -a primeira destas características en España- ten como obxectivo promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Nesta xornada, destinada a fomentar a convivencia e a integración, participaron así mesmo varios traballadores e traballadoras do Parque xunto ás súas familias. Xuntos, puxéronse aos mandos dos simuladores de voo profesionais dos que dispón a Aula Newton. Viviron a experiencia de pilotar un avión, tiveron que responder a unha hipotética misión de rescate, calcular as rutas de voo…, igual que o fai ao longo do curso o alumnado procedente de diferentes centros educativos de toda a comunidade.
Ademais, como proposta complementaria vencellada coa aeronáutica, os asistentes realizaron outras actividades. Gozaron en particular coa construción de varios paracaídas. Tratábase neste caso de lanzar unhas canicas dende un paracaídas a catro metros de altura e conseguir que chegaran ao chan o maior número de bólas posible.
Elena Vaamonde, psicóloga de Down Ourense: “É unha experiencia moi diferente das que se adoitan ofrecer na nosa contorna”
Elena Vaamonde é coordinadora de programas e psicóloga de Down Ourense. Sinala que “foi unha magnífica oportunidade para descubrir de preto como funciona un simulador de voo e o mundo da aviación. É unha experiencia moi diferente das que se adoitan ofrecer na nosa contorna. Resultou enormemente enriquecedora porque, ademais, grupos de persoas diversas compartiron unha actividade conxunta, o cal resulta moi positivo para as dúas partes”.
Tecnópole amosa deste xeito o seu compromiso e apoio a organizacións sen ánimo de lucro, entendendo que a través deste tipo de iniciativas contribúese a axudar a colectivos que teñen maiores dificultades á hora de acceder a certas propostas. Nesta liña, a Aula Newton achega grandes posibilidades para estimular á rapazada a través de actividades educativas innovadoras.