Representantes de empresas do sector das enerxías renovables procedentes de toda Galicia participaron esta mañá na xornada de presentación para profesionais do proxecto europeo ER-INNOVA, que aglutinará a un centenar de pemes galegas e portuguesas na súa fase piloto. A sesión técnica, que tivo lugar na sede do xefe de fila do proxecto, Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia, Ourense), completouse coa presentación da Rede de Transferencia e Tecnoloxía da Asociación Española de Parques Científicos e Tecnolóxicos (APTE) e os programas de apoio a empresas contemplados no Fondo Tecnolóxico Europeo.
ER-INNOVA é un proxecto dirixido a incrementar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables que desenvolven a súa actividade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo é mellorar as condicións de traballo, o posicionamento no mercado e a capacidade das empresas para cooperar en proxectos de envergadura mediante a implantación de ferramentas baseadas nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) e deseñadas especificamente para atender as súas necesidades, principalmente en relación ao sector de actividade no que operan e ao seu pequeno tamaño.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cun financiamento total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.
Os socios do proxecto son, ademais de Tecnópole, a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
Dous tipos de ferramentas
Os empresarios asistentes á xornada celebrada hoxe en Tecnópole foron informados da evolución do proxecto, iniciado en 2009. Durante estes primeiros meses, iniciáronse os contactos co tecido empresarial do sector das enerxías renovables na Eurorrexión mediante consultas directas ou a través das asociacións e doutras entidades, como os centros tecnolóxicos, que as aglutinan e lles dan servizo. O obxectivo deste proceso é coñecer de primeira man as necesidades e carencias das pemes de ambos os lados da fronteira que desenvolven a súa actividade no sector para deseñar as ferramentas de apoio máis eficaces e útiles.
Co primeiro diagnóstico realizado comezouse o proceso de deseño e desenvolvemento de dous tipos de ferramentas TIC de código aberto, labor que foi adxudicada mediante concurso a tres consultoras galegas. O ámbito de actuación destas ferramentas será, en primeiro lugar, o da xestión interna para a optimización dos procesos empresariais básicos, a través de aplicacións de escritorio tales como sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP) e de administración da relación cos clientes (CRM).
En segundo lugar, estase a traballar en ferramentas online orientadas a fomentar a cooperación en I+D+i e a venda por internet. O resultado será unha plataforma web para a articulación de proxectos colaborativos na área da investigación, o desenvolvemento e a innovación e para impulsar as transaccións on-line entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especial incidencia na implantación da factura electrónica.
As empresas asistentes á xornada de hoxe que confirmen o seu interese en integrarse no proxecto formarán o primeiro grupo de participantes na fase piloto de implantación destas ferramentas, que se desenvolverá ao longo de 2010. Posteriormente, preténdese estender o seu acceso a todo o sector das renovables e mesmo transferilas a outros ámbitos de actividade.
Fondo Tecnolóxico e Rede de Transferencia
Durante a sesión, os empresarios foron informados tamén por unha técnica do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) sobre os programas de apoio ás empresas contemplados no Fondo Tecnolóxico, un instrumento financeiro habilitado pola Unión Europea que ten consignados máis de 400 millóns para Galicia até o ano 2013 e do que até agora soamente se consumiu o 5%. Dado o seu potencial innovador e o seu reducido tamaño, segundo se expuxo, as pemes do sector das renovables teñen unha gran oportunidade nunha modalidade concreta de axudas do Fondo: os proxectos de cooperación tecnolóxica entre empresas, que implican a colaboración de polo menos catro pemes.
Os asistentes á xornada tiveron ocasión tamén de coñecer a Rede de Transferencia de Tecnoloxía da Asociación Española de Parques Científicos e Tecnolóxicos (APTE), que pon a disposición das empresas un mercado de oferta e demanda de tecnoloxía no que participan máis de 2.400 empresas de toda España.