Segundo informou a UPC, trátase dun composto acuoso natural que permite conferir determinadas propiedades avanzadas a calquera material de base celulósica. A patente, froito da súa tese doutoral, dirixida por Branca Roncero e Cristina Valls, permitirá a partir de agora modificar a superficie de produtos papeleiros de forma simple, usando métodos biotecnolóxicos e respectuosos co medio, sen ter que deter a produción nunha parte do proceso, como se fai agora.
Segundo a UPC, este novo material axudará a aforrar grandes cantidades de produtos químicos no proceso de fabricación de papel. O composto creado por Oriol Cusola substitúe aos reactivos químicos tradicionais por encimas naturais, é biodegradable, natural e non leva consigo impacto ambiental, pero, sobre todo, é doadamente aplicable no proceso de produción, ademais de non requirir dun investimento adicional para ser aplicado industrialmente.
De momento, segundo a UPC, a empresa que aplique o novo produto poderá fabricar papel impermeable dun xeito alternativo, utilizando a biotecnoloxía, e sen empregar os produtos químicos comúns que dificultan o proceso de reciclaxe do papel. O grupo de Cusola tamén experimentou o composto biotecnolóxico con outros produtos de base celulósica (por exemplo, determinados téxtiles) para comprobar a súa efectividade, e conseguiron que un babeiro de bebé sexa impermeable por unha soa cara aplicando a nova substancia cun aerosol.
Actualmente, existen no mercado preto de 2900 tipos diferentes de papeis especiais que non se utilizan para escribir. En pleno crecemento das publicacións electrónicas, a tendencia do sector papeleiro no ámbito internacional estase a orientar cara á busca da modificación ou funcionalización das propiedades da celulosa para xerar novos usos e novas aplicacións.
Por exemplo, conseguir que o papel conteña as propiedades do plástico ou doutros produtos derivados do petróleo para fabricar tetrabricks biodegradables; modificalo para que sexa antioxidante e poida conservar durante máis tempo os alimentos, ou cambiar as súas propiedades para que sexa tan impermeable que sirva para fabricar vasos de papel sen necesidade de engadir parafina.
(Fonte: EFE)